Turismo Rías Baixas estima unha ocupación estival do 77% na provincia
Por Alejandro Espiño
As perspectivas turísticas das Rías Baixas para este verán non poden ser mellores. Ata un 5% máis de visitantes que o pasado ano, segundo as estimacións de Turismo Rías Baixas, escollerán a provincia de Pontevedra para pasar as súas vacacións estivais.
Así, a falta das reservas de última hora e as que se poidan facer pola Internet, espérase que a ocupación media nos establecementos hostaleiros supere o 77%, segundo avanzou este xoves a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
En xullo o sector agarda unha 72% de ocupación media, mentres que en agosto subirá ata o 84%. Nalgunhas zonas como O Morrazo, Baixo Miño, Sanxenxo ou Cambados alcanzarase o 100% de ocupación en gran parte do verán. En todo caso, Carmela Silva destacou que as Rías Baixas superarán en dez puntos a media galega.
Desde Turismo Rías Baixas aseguran que estas previsións confirman a tendencia alcista que reflectiu o Instituto Nacional de Estatística (INE) no balance do primeiros cinco meses do ano. Nel, recóllese que 240.000 persoas visitaron a provincia de Pontevedra entre xaneiro e maio deste ano, un 8% máis que no mesmo período de 2015.
Un de cada tres turistas son galegos pero tamén se rexistra unha gran afluencia de madrileños (un 14% do total), castelán leoneses (8%), cataláns (7%) e asturianos (5%). Ademais, os visitantes estranxeiros supoñen xa o 15% do total de turistas das Rías Baixas.
Tamén se espera unha notable ocupación nos establecementos de turismo rural que alcanzarían, segundo as previsións, un 66%. É un 15% máis de reservas que o verán pasado.
Carmela Silva celebrou estas expectativas que, reiterou, "é posible que se superen" porque servirán para fortalecer un sector "fundamental" para a actividade económica da provincia e a creación de emprego que "aínda que sexa estacional sempre é positivo".
PROMOCIÓN DE "ALTO NIVEL"
A presidenta da deputación pontevedresa destacou a intensa actividade promocional que Turismo Rías Baixas realizou nos últimos meses e que cualificou como de "alto nivel". Nela, enmarcou a presenza en Fitur, a presentación en Madrid da campaña 62 razóns para visitar as Rías Baixas, a estrea dun documental gastronómico no festival de cinema de Málaga ou a presentación dos Festivais Rías Baixas no Porto.
Todo iso súmase ás accións promocionais con Renfe, a presenza das Rías Baixas nas revistas a bordo de compañías aéreas que operan desde Peinador, a inserción de reportaxes en revistas e webs especializadas en turismo -entre elas Traveler ou National Geographic-, ou campañas de publicidade en mobiliario público en cidades de toda España.
Ademais, Turismo Rías Baixas estuda aproveitar as publicacións "desinteresadas" que en redes sociais están a realizar os artistas que están a actuar nos Festivais Rías Baixas sobre a súa estancia na provincia e as doutros "influencers" para promocionar este destino.
Relacionadas:
-
Turismo Rías Baixas sitúa no 89,2% a ocupación hoteleira do mellor mes de agosto na provincia
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Os traballadores da Deputación deseñan unha nova web de Turismo Rías Baixas ante a inutilidade da actual
Por Oskar Viéitez |
-
A Ruta do Viño Rías Baixas é un "absoluto fracaso"
Por Oskar Viéitez |
-
Para festivais, as Rías Baixas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
As Rías Baixas ofertan dous cruceiros costeiros para atraer turistas
Por Oskar Viéitez |