As Rías Baixas presumirán en FITUR de patrimonio arquitectónico
Por Alejandro Espiño
Como cada ano nestas datas chega FITUR, a feira internacional de turismo máis importante do país, e nela as Rías Baixas volverán ter presenza a través da caseta de Turgalicia. Pero neste escaparate turístico haberá unha proposta "diferente" á de edicións anteriores, segundo avanzou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, porque "temos que mostrar todo o potencial da nosa provincia".
Así, fronte a atractivos turísticos tradicionais como os espazos naturais e praias, a cultura, o patrimonio histórico e arqueolóxico ou a gastronomía, Turismo Rías Baixas apostará este ano por presentar aos operadores de turismo de todo o país a "modernidade e creatividade" dos 62 concellos da provincia.
Neste sentido, da man do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) poñerase en valor a arquitectura contemporánea das Rías Baixas.
"Temos construído edificios extraordinarios e cun grande valor arquitectónico que lograron moitos recoñecementos", explicou Carmela Silva, convencida de que se trata dunha ocupación do espazo público "que permite que xeracións vindeiras se sorprendan do que aquí se ten feito".
Segundo o presidente do COAG en Pontevedra, Manuel Abelleira, en países como Finlandia este tipo de construcións son un dos seus principais atractivos turísticos "e aquí será todo un descubrimento para a xente", polo que esperan que "veña moita xente de fóra" a coñecer as obras que impulsaron as diferentes administracións e tamén iniciativas privadas.
Os edificios seleccionados polos arquitectos galegos, todos eles construídos no últimos trinta anos e cunha singularidade especial, formarán parte dunha ruta turística pola provincia que se sumará aos produtos que oferta Turismo Rías Baixas.
Os inmobles que formarán parte deste novo paquete turístico da provincia desvelaranse o vindeiro xoves 21 de xaneiro, a partir das doce da mañá, no marco da presentación que este organismo dependente da deputación pontevedresa realizará en FITUR.
Esta presentación contará, avanzou Carmela Silva, cunha embaixadora "extraordinaria", a actriz pontevedresa María Castro, coñecida polo seu traballo en series de televisión como Pratos combinados, Sin tetas no hay paraíso ou Tierra de lobos.