Emotivos reencontros coa chegada do buque-escola 'Elcano'
Por Mónica Patxot
Procedente de Baltimore e tras 26 singraduras, o buque-escola da Armada Española "Juan Sebastián de Elcano" atracou este xoves no "Peirao de Torpedos" da Escola Naval Militar de Marín, onde foi recibido polo comandante director, o capitán de navío José María Núñez Torrente, a banda de música da Escola, familiares e amigos da dotación, e alumnos guardiamarinas.
Tras partir o pasado 5 de marzo da cidade de Cádiz, o buque fixo escala en Tenerife, Fortaleza (Brasil), San Juan (Porto Rico), A Habana (Cuba), Miami e Baltimore (EEUU). Ao longo destes máis de catro meses, o buque-escola navegou máis de 11.000 millas náuticas en 96 singraduras, un 65 por cento delas unicamente a vela.
Durante este cruceiro de instrución, o "Elcano" embarcou a 80 guardiamarinas, contribuíndo á súa formación mariñeira, militar, social e humana, mediante a instrución e o adestramento na mar e en porto.
O barco poderá ser visitado o día 1 de xullo, en horario de tarde de 16.00 a 17.00 horas. Debido á limitación de tempo, os interesados en realizar a visita deberán dirixirse á oficina de turismo do Concello de Marín para poder subir a bordo.
O "Juan Sebastián de Elcano" permanecerá atracado na Escola Naval Militar ata o día 2 de xullo, data na que se fará á mar en demanda de Cádiz, onde ten prevista a súa chegada o día 6 do mesmo mes. A continuación, iniciará un período de alistamento e tamén de descanso da dotación para o próximo cruceiro de instrución, cuxo comezo está previsto o 20 de agosto.