Última chamada para subirse a Elcano
Por Oskar Viéitez
Este xoves, 23 de xullo, a sede de Afundación acollerá ás 20.00 horas a última proxección en Pontevedra da película documental 'La vida a 5 nudos'. O documental, que se somerxe na intimidade do Juan Sebastián de Elcano, buque escola da Armada Española, xa foi proxectado na capital pontevedresa o pasado día 15.
Sábeno ben os que navegaron nel, non é só un buque, a lenda tamén a forxan os seus tripulantes.
O seu director, Alejo Moreno, explica que "quixemos facer un documental no que o binomio, buque e tripulación, falase por si só. Por iso, en 'La vida a 5 nudos' non hai un narrador que nos explique o que estamos a ver, aínda que si aparece a voz do comandante, o ferrolano Enrique Torres Piñeyro, a modo un diario da bordo. Non quixemos interferir na película cunha narración clásica, queriamos darlle voz ao barco, e iso conseguímolo co noso modo de rodar, pero sobre todo, durante a montaxe, un traballo moi complicado que levou catro meses".
Para a gravación da película subiu abordo un equipo moi reducido. "Embarcamos en dúas ocasións, de 15 días de duración cada unha, e na primeira só estivemos Laura Gómez Vega, a produtora, e eu," comenta Alejo Moreno. "Na segunda uniúsenos un sonidista, Iván Moreno; e todo o noso equipo de gravación e son era lixeiro e de pequenas dimensións".
Para non interferir na vida diaria e achegar a máxima naturalidade ante as cámaras, o reto está en facerse invisibles, neste sentido, o director do documental explica que "o único xeito de facelo é integrarte na tripulación. E iso si creo que o conseguimos, o feito de que estivésemos a traballar tan duro coma eles fixo que nos tomasen afecto e nos tratarán como un máis. Ademais, o frenético traballo a bordo propiciou que a tripulación se mostrase natural, aínda que estivésemos a gravalos".
O público pontevedrés que xa está familiarizado co Elcano e que puido subirse abordo durante as súas habituais estanzas na Escola Naval de Marín descubrirá "unha visión diferente, talvez máis real, de Elcano".
"Cando o buque arriba a Marín, chega engalanado para a ocasión. O que o público poderá ver na película é o día a día deste barco, todo o traballo que leva consigo, as emocións da súa tripulación e mesmo situacións difíciles de mala mar".
Alejo Moreno subliña que un dos "puntos fortes" do documental 'La vida a 5 nudos' é o día a día de 260 persoas vivindo nun veleiro de 113 metros de eslora, "queriamos centrarnos en todo o traballo a bordo, pero tamén nas vivencias dos mariños: nos seus sentimentos despois de tantos meses no mar, nas súas motivacións, nas sensacións á hora de enfrontarse a manobras complicadas, na emoción á chegada aos diferentes portos... Á fin e ao cabo, o traballo fai ao home, e en situacións como esta, seguir a alguén que traballa tan duramente é tamén un xeito de mostrar o seu traballo".
Dende a súa estrea a acollida de 'La vida a 5 nudos' está a ser "bastante boa", afirma o seu director moi consciente de que "o formato documental non é o mellor recibido en salas".
"En Madrid, de feito, grazas ao éxito da primeira e, en principio, única proxección, tivemos que volver programala. O Pazo da Prensa encheuse o día da estrea e ademais moita xente contounos por redes sociais que non puido ir a vela e que querían ter a oportunidade de vela en pantalla grande. Creo que o éxito foi a elección dos "portos". Coa nosa travesía de exhibición, que levamos a cabo grazas ao patrocinio de Seguros Metrópolis, buscabamos sedes que tivesen relación co cine, pero tamén coa náutica. O que máis nos sorprendeu -gratamente- é a boa acollida que tivo en lugares que, a priori, non teñen relación co mar. Supoño que este barco suscita a curiosidade de máis persoas das que pensamos".