A Festa do Requeixo da Corredoira cumpre 37 edicións do 17 ao 19 de xuño
Por Redacción
A Festa do Requeixo da Corredoira, en Cotobade, xa ten datas para a súa edición deste ano, a 37 xa da celebración. Será entre o venres 17 e o domingo 19 de xuño e contará con todo o recinto cuberto cunha gran carpa.
A festa comenzará o venres 17 á noitiña coa venda de churrasco, polbo e requeixo, todo animado por música tradicional galega a cargo do grupo 'Catro ventos'. Coa medianoite chegará a gran verbena a cargo das orquestras 'El Combo Dominicano' e 'Televisión'.
O venres é o día grande do requeixo, de tal maneira que este produto pode degustarse no mesmo campo da festa ou tamén mercarse por módicos prezos para levar para a casa.
O requeixo da Corredoira prepárano de xeito artesanal os propios veciños, doándoo para a festa. A cantidade do producto non é moita e adoita esgotarse, de modo que os organizadores recomendan ir xa ás primeiras horas do serán para poder saborealo, sen risco de quedar sen a proba. Logo da degustación, é o momento da verbena rachada ata altas horas da madrugada.
O sábado 18 de xuño, durante o día terán lugar os actos relixiosos seguidos dun concerto do grupo folk 'Os de sempre' e pola noite haberá un gran verbena coas orquestras 'La Ocaband' e 'La Clave'. Xa o domingo, e como remate da festa, haberá de novo actos relixiosos seguidos dun concerto da banda de gaitas 'Os Afoutes do Canón de Pau'.
A Festa do Requeixo leva celebrándose dende o ano 1980, coincide sempre coas festividades en honor a San Antón e a Santa Bárbara no terceiro fin de semana de xuño e ten como obxectivo promocionar o requeixo da zona e, ao mesmo tempo, revitalizar as festas patronais.