Todo listo na Corredoira para a 35 edición da Festa do Requeixo
Por Redacción
Corredoira (Cotobade) está a ultimar os detalles para celebrar unha nova edición da súa tradicional Festa do Requeixo, que este ano cumpre 35 anos.
O requeixo da Corredoira, o produto que se exalta nesta festa, é preparado de xeito artesanal os propios veciños, doándoo para a festa. Pola dificultade que conleva facer o exquisito requeixo, a cantidade de leite que se necesita, as suás calidades de frescura e o non ser moitos veciños, o número de requeixos é limitado.
Para facer un requeixo dun quilogramo, bótanlle o callo a sete ou oito litros de leite, e logo de estar entre 24 e 36 horas a callar, póñeno na forma (recipiente cilíndrico de 12 centímetros de diámetro e 35 de altura e con buratos), por onde vai soltando o soro. Téñeno así durante dous días, e cando está o suficientemente sólido sácano para comelo en fresco con azucre ou con mel, aínda que hai quen lle bota viño ou coñac.
O día grande do requeixo será este venres 19 de xuño, día a partir do cal se poderá degustar no Campo da Festa da Corredoira, ou tamén mercar por módicos prezos. Iniciarase á noitiña coa venda de churrasco, polbo e requeixo, todo animado por música tradicional galega a cargo do grupo Catro ventos. A partires da medianoite haberá unha gran verbena a cargo das orquestras Televisión e Jerusalén.
O día seguinte, sábado 20 de xuño, terán lugar os actos relixiosos seguidos dun concerto da banda de gaitas dos Trazantes de Tenorio e a noite soarán as orquestras Manila e Sensación. Xa o domingo, para rematar a festa terán lugar os actos relixiosos seguidos dun concerto da banda de gaitas Foula.
Todo o recinto estará cuberto cunha gran carpa.