O seu compañeiro tenta exculpar ao narco Florencio Groba por un alixo de droga en O Vao
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O "histórico" narcotraficante ponteareán Florencio Groba Prego volveu sentar este xoves no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra xunto ao seu compañeiro Jorge Ferreira, tras ser descubertos nas inmediacións do poboado chabolista do Vao portando no interior do seu vehículo 150 gramos de heroína que segundo a Garda Civil, estaba destinada á venda polo miúdo.
O fiscal pediu seis anos de prisión e multa de 30.000 euros para Florencio Groba, considerando ademais a súa reincidencia e pediu catro anos e multa de 20.000 euros para o segundo acusado, Jorge Ferreira, considerando como atenuante a súa drogadicción.
Florencio Groba negou todos os feitos e dixo descoñecer que o seu compañeiro portase droga e que tivese intención de ir ao Vao, un destino que lle revelou Ferreira unha vez que viaxaban en coche. O seu colega referendou esta versión dos feitos, tratando de exculpar a Groba de todo o ocorrido. Ambos se coñeceron no Centro Penal da Lama e teñen unha sobriña en común.
Ferreira asegurou que por aquel entón tiña "un consumo bastante alto" de cocaína e heroína e que lle deixaban " fiado" diñeiro para adquirir droga, algo do que "Florentino non tiña ningún coñecemento" insistindo en que "non é certo que Florentino pagase a droga". Segundo o escrito de acusación da Fiscalía detállase que a heroína adquirida no Vao estaba valorada nuns 14.000 euros e que Ferreira era insolvente e non tiña ingresos coñecidos.
Segundo explicaron durante a vista oral os diversos axentes da Garda Civil que participaron na súa detención, aquel día sabían que "os clans xitanos do Vao ían recibir sustancia e con tal motivo montouse un operativo" durante o cal un dos axentes detectou a presenza do coche de Florencio Groba, coñecido polas forzas da orde polos seus historial delituoso xa que aos seus 63 anos acumula seis sentencias condenatorias por tráfico de drogas.
Os axentes detallaron que Groba tiña previsto destinala á venda a terceiras persoas e sinalaron que no rexistro practicado á súa vivenda no lugar de Guláns, Ponteareas, localizouse unha balanza dixital de precisión e bolsas plásticas similares ás utilizadas para elaborar "papelinas". Neste sentido, Groba dixo que a balanza era un útil "dos habituais nunha cociña" e que as bolsas plásticas utilizábaas na "matanza" para gardar a carne.
Ademais noutra vivenda súa, en Torneiros, os axentes acharon varias faixas de billetes que sumaban 7.288 euros escondidos no conxelador, así como 17 aneis de ouro, once pulseiras, dúas cadeas, varios xogos de pendentes e colgantes de ouro que o acusado supostamente obtiña mediante a venda das sustancias estupefacientes. Florencio Groba xustificou a procedencia do diñeiro dicindo que era da súa muller, do mesmo xeito que as xoias, e sobre o feito de que fosen de distintos tamaños apuntou "tampouco os dedos dunha man son todos iguais".
O xuízo quedou visto para sentenza.
Relacionadas:
-
A Audiencia impón o narco Florencio Groba outros seis anos de prisión por tráfico de heroína
Por Oskar Viéitez |
-
O narco Florencio Groba volve sentar no banco dos acusados aos seus 63 anos
Por Redacción |
-
A Audiencia impón doce anos de prisión ao histórico narcotraficante Florencio Groba
Por Natalia Puga |
-
Intento á desesperada de anular toda a causa contra Florencio Grobas e catro compañeiros por narcotráfico
Por Natalia Puga |
-
O arrepentimento dos seus compinches arrincona ao histórico narco Florencio Groba
Por Oskar Viéitez |