A Audiencia impón doce anos de prisión ao histórico narcotraficante Florencio Groba
Por Natalia Puga
Os intentos de dous avogados defensores de que anular a causa contra Florencio Groba e catro presuntos compinches por transportar seis quilos de cocaína entre Pontevedra e Cádiz caiu en saco roto e a Sección Segunda da Audiencia ven de condenar cinco persoas e absolver unha sexta, unha muller contra a que xa se retiraran os cargos antes do xuizo celebrado en outubro en Pontevedra.
O que saiu peor parado foi o histórico narcotraficante de Cambados Florencio Groba Prego, condenado por tráfico de drogas nos anos 1989, 1991, 1996, 2004, 2010 e 2014. A súa anterior condena é recente, trátase dunha resolución que lle impón catro anos e medio de cadea e data do pasado mes de decembro da Sección de Vigo da Audiencia Provincial.
Nesta ocasión, o tribunal impúxolle dez anos de prisión por un delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas que causan grave dano á saúde e en cantidade de notoria importancia, no que tivo en conta a circunstancia agravante de multirreincidencia, e outros dous anos por un delito de tenza ilícita de armas de fogo. Polo primeiro delito tamén deberá pagar unha multa de 400.000 euros.
Xunto a Florencio Groba sentáronse no banco dos acusados outros catro acusados, dos que tres recoñeceron os feitos e declaráronse culpables logo de chegar a un acordo do fiscal. Trátase de Agenor Conde Cid, Jesús Gallardo Fernández de Córdoba e Alejandro González Cabo, todos eles condenados tamén como integrantes dunha rede que estaría liderada polo histórico Groba e que distribuiría cocaína trasladada dende Galicia en Andalucía e que foi investigada entre finais de 2011 e principios de 2012 e desmantelada en marzo de 2012.
O quinto acusado, José Vázquez Rego, negou a súa implicación nos feitos, pero o tribunal si considera probado que participou e condénao a sete anos de prisión por un delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas que causan grave dano á saúde e en cantidade de notoria importancia e ao pago dunha multa da mesma cuantía que a de Groba, 400.000 euros.
Agenor Conde Cid e Jesús Gallardo Fernández de Córdoba tamén foron condenados por un delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas que causan grave dano á saúde e en cantidade de notoria importancia mentres que no caso de Alejandro González Cabo o tribunal o condena por traficar con sustancias que non causan grave dano para a saúde.
A pena para Agenor foi de seis anos e unha multa de 400.000 euros; a Jesús Gallardo impuxéronlle sete anos e medio ao concorrer no seu caso a circunstancia agravante de multirreincidencia e a multa ascende a 500.000 euros; e Alejandro deberá pasar dous anos na cadea e pagar unha multa de 700 euros.
Relacionadas:
-
O seu compañeiro tenta exculpar ao narco Florencio Groba por un alixo de droga en O Vao
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O narco Florencio Groba volve sentar no banco dos acusados aos seus 63 anos
Por Redacción |
-
Intento á desesperada de anular toda a causa contra Florencio Grobas e catro compañeiros por narcotráfico
Por Natalia Puga |
-
O arrepentimento dos seus compinches arrincona ao histórico narco Florencio Groba
Por Oskar Viéitez |