Un gran debuxo do heroe Teucro humanizará o edificio municipal de Santa Clara
Por Redacción
A figura de Teucro, o heroe grego que segundo a lenda fundou a cidade de Pontevedra, foi a escollida polo estudante de Belas Artes, Mario Díaz "Arze", para mudar a faciana do edificio municipal da rúa Santa Clara.
O seu proxecto se converteu nun dos premiados no concurso de ideas do Espazo CreActivo, no que o xurado tamén seleccionou a imaxe corporativa deseñada pola estudante de Ciencias Sociais e da Comunicación, Valentina Bouzada, empregando a representación dunha lámpada como símbolo para un lugar "onde crecen e florecen as ideas".
Que o alumnado do campus achegase as súas propostas para humanizar e dotar de contidos este espazo era o propósito central desta iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica, xunto coa Vicerreitoría do campus, á que se presentaron un total de 21 proxectos.
De entre eles, un xurado composto polas concelleiras Anabel Gulías e Anxos Riveiro; o responsable de Protocolo e Comunicación do Concello, Antón Prieto; o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte e as arquitectas Elisa Díaz e María Novas seleccionou como gañadoras as ideas presentados por Arze, na categoría de humanización, e Bouzada, na de comunicación e identidade corporativa gráfica, deixando deserto o apartado de deseño de actividades.
Ambos foron recoñecidos cun premio económico de 500 euros, ao que se suma a posibilidade de ver como as súas propostas se transforman nunha realidade na segunda fase desta iniciativa, como se puxo de relevo na recepción aos premiados que este martes tivo lugar na Casa da Luz.