O edificio municipal de Santa Clara, novo "berce" do emprendemento local
Hoxe en día, os termos ingleses son moi utilizados no mundo da comunicación. Neste contexto, nace a filosofía coworking: unha función que permite a traballadores independentes ou a persoas con espírito emprendedor, compartir un espazo de traballo. Esta filosofía cooperativa evoluciona cos avances da sociedade, converténdose mesmo nun estilo de vida.
Deste xeito, como unha sinerxia de "filosofía coworking" entre a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, enténdese o concurso Espazo CreActivo. Esta iniciativa busca incentivar a implicación e o emprendemento dos estudantes de grao e posgrao do Campus de Pontevedra. Para iso, ofrécese un lugar de traballo e de inspiración, o edificio número 4 da rúa Santa Clara, co fin de que se converta no novo "berce" do emprendemento local.
Esta oportunidade valórase de maneira moi positiva por parte do alumnado, como sinala Valentina Bouzada, estudante de 4º de Publicidade e Relacións Públicas no Campus de Pontevedra. A alumna considera que é un impulso e "una muy buena oportunidad para aquellos estudiantes que quieran demostrar sus habilidades, poner en práctica lo aprendido". Ademais, Valentina anima a todos os estudantes a presentar as súas ideas ante "la posibilidad de implementar el proyecto, sobre todo de cara a adquirir una mayor experiencia profesional".
Aproveitar este edificio "para que redunde en beneficio da comunidade educativa e que redunde en beneficio dos vecinos e das veciñas" é un dos obxectivos desta iniciativa, sinala a Concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías. Por esta razón quérese aproveitar este bloque, que actualmente funciona como sede dunha asociación veciñal e como sede do grupo Pontevedra-Morrazo. O propósito é que os alumnos do Campus queden e se establezan na cidade, admitía a concelleira.
Espazo CreActivo é un "proxecto de ideas" onde os alumnos poderán propoñer que facer coas instalacións do edificio
O que se ofrece por parte do Concello é unha oportunidade aos alumnos, poñendo á súa disposición as ferramentas posibles para levar á práctica o mellor "ecosistema de creatividade", comenta Gulías. A diferenza doutros proxectos que buscan traballos pechados, Espazo CreActivo é un "proxecto de ideas" onde os alumnos poderán propoñer que facer coas instalacións do edificio.
O concurso mantense convocado en 3 categorías: comunicación e identidade gráfica do espazo, embelecemento e humanización de espazos comúns e exteriores, e plans didácticos e de aprendizaxe dos diferentes espazos.
Ideas orixinais, xustificación da viabilidade técnica e económica ou a adecuación ao espazo, son algúns dos requisitos fundamentais na participación do concurso.
O prazo de inscrición ampliouse ata o próximo 15 de abril, para que os concursantes teñan unha marxe maior de entrega. A solicitude necesaria pode completarse a través da páxina web do Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Apoio ao programa de doutoramento do Campus CREA S2i
Por Oskar Viéitez |
-
Un gran debuxo do heroe Teucro humanizará o edificio municipal de Santa Clara
Por Redacción |
-
Máis de vinte proxectos optan a dar forma ao novo espazo do emprendemento local
Por Redacción |
-
Amplían o prazo para presentar ideas ao 'Espazo CreActivo'
Por Redacción |
-
Na procura de ideas viables entre os universitarios para o edificio municipal de Santa Clara
Por Anxo Lourido |