Máis de vinte proxectos optan a dar forma ao novo espazo do emprendemento local
Por Redacción
Un total de 21 proxectos presentaron ideas na convocatoria do proxecto 'Espazo CreActivo', destinada á humanización, dotación de contidos e melloras do edificio municipal sito na rúa Santa Clara, concebido como novo 'berce' do emprendemento en Pontevedra.
A convocatoria é unha iniciativa proposta dende Concellería de Promoción da Cidade en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra co obxectivo de unir e enriquecer aos participantes e ao tecido emprendedor da propia cidade.
No período de presentación de ideas, os alumnos de grao e posgrao do campus de Pontevedra tiveron oportunidade de visitar as instalacións para que inspirasen as súas propostas e adaptar ao máximo posible as súas ideas ao espazo dispoñible, comentar dúbidas e consultar diversos aspectos da convocatoria.
Entre os 21 proxectos presentados a través da plataforma dixital habilitada ao efecto, as aportacións son heteroxéneas. Agora as ideas participantes na convocatoria serán valoradas por un xurado independente, conformado por Anabel Gulías, Anxos Riveiro e Antón Prieto por parte do Concello de Pontevedra; Alberto Dafonte, membro do persoal docente da Universidade de Vigo e Elisa Díaz e María Novas, como arquitectas e profesionais no campo da dinamización de espazos colectivos de traballo.
Recibirán e valorarán os proxectos de xeito individual nunha primeira volta e porán en conxunto as súas impresións en torno ao 15 de maio, data na que se fará pública a súa deliberación e, polo tanto, os proxectos seleccionados.
As ideas premiadas serán levadas a cabo polos gañadores nunha segunda fase de desenvolvemento dos proxectos e de implementación práctica dos mesmos. Para iso os participantes contarán co apoio e tutoría dunha serie de empresas que se atopan dentro de 'Pontevedra ten un puntazo' e que serán elixidas en función do tipo de proxectos e as necesidades dos mesmos.
Relacionadas:
-
Un gran debuxo do heroe Teucro humanizará o edificio municipal de Santa Clara
Por Redacción |
-
O edificio municipal de Santa Clara, novo "berce" do emprendemento local
Por José Alberto Graña Pérez |
-
Amplían o prazo para presentar ideas ao 'Espazo CreActivo'
Por Redacción |
-
Na procura de ideas viables entre os universitarios para o edificio municipal de Santa Clara
Por Anxo Lourido |