Marín "quere" ao seu mercado
Por Redacción
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, acudiu este mércores a Marín para presentar a iniciativa "Quere ou teu mercado" que busca "involucrar" a toda a sociedade no impulso ás prazas de abastos. Na campaña participan preto de 90 prazas de abastos de toda Galicia, case o dobre que o ano anterior, e preto de 3.000 placeiros.
Conde sinalou que esta iniciativa, que se celebra ata finais do mes de maio en 17 países de Europa, América e Asia, ten por obxectivo "visualizar e promocionar as prazas" como "pezas crave" do comercio de proximidade, e poñer en valor a "diversidade e a profesionalidade" dos mercados galegos "tanto como motor do comercio de proximidade como na vida e no patrimonio das vilas e cidades galegas", dixo.
Durante a visita ao mercado de Marín, Conde asistiu ao showcooking do cociñeiro do Grupo Nove, Iñaki Bretal, do restaurante Eirado daLeña, e lembrou que o vindeiro sábado 28 de maio con motivo da celebración do Día do Mercado en Galicia están programadas distintas actividades que inclúen degustacións gastronómicas, actuacións musicais e teatrais, charlas informativas e iniciativas nas redes sociais, ou sorteo de agasallos, entre outros.
Ademais Conde informou que a súa consellería acaba de activar unha nova aplicación (APP) móbil, a través da cal os usuarios poden acceder de forma rápida a información sobre os mercados, prazas de abastos ou feiras tradicionais máis próximas, que se poden buscar nun xeolocalizador.