A praza de abastos de Marín, máis de dous meses sen cámara de frío
Por Redacción
O BNG fíxose eco este mércores dunha importante deficiencia que presenta a praza de abastos de Marín. As súas instalacións levan máis de dous meses sen cámara de frío, un servizo esencial para o mantemento de produtos semiconservados como o peixe salgado.
Os nacionalistas aseguran que o Concello é o encargado e responsable de garantir o bo funcionamento das cámaras do mercado e debería preocuparse de que este tipo de servizo funcione con garantías de conservación dos alimentos.
Esta situación está a provocar problemas para os concesionarios do mercado encargados de expender este tipo de mercadorías frescas.
Desde o goberno municipal, segundo o BNG, aseguraban que faltaba unha peza para poder arranxar a máquina e aínda non a puideran conseguir.
Pero tras preguntar por este asunto nunha comisión a concelleira delegada "non só localizou a peza que faltaba senón o motor enteiro, que finalmente parece ser a causa real de que a cámara se mantivese fóra de servizo", asegura a voceira do BNG, Pilar Blanco.
"Cremos que este tipo de temas merecen outra seriedade por parte do goberno municipal", apunta Pilar Blanco, que lamenta que durante semanas o goberno fixese "caso omiso" dos avisos recibidos por parte dos usuarios.