Case 200 persoas que alegaron á fusión non están censadas en Cotobade
Por Redacción
As alegacións presentadas en Cotobade polo proceso de fusión con Cerdedo comezarán a estudarse este luns 16 de maio. Pero dous días antes, o goberno municipal aclarou que das 977 persoas ou entidades que presentaron os 1.103 escritos rexistrados no proceso de información pública, só 785 son deste concello. Hai 192 persoas que non están empadroadas no municipio.
O Concello asegura que vai ter en conta todas as alegacións presentadas, tal e como recolle a lexislación referida a este tipo de procesos, pero sinala que a opinión dos veciños terán un maior peso social, que non xurídico, sobre a daquelas persoas que non están censadas.
Tras a ordenación de toda esta documentación, o goberno municipal responderá de forma individual a cada un dos escritos. A intención da administración local é explicar a aceptación ou rexeitamento de cada alegación antes de que se celebre a sesión plenaria onde se procederá á aprobación ou oposición das mesmas e onde se decidirán os seguintes pasos do proceso.
Aínda que a práctica totalidade dos escritos pertencen a cinco modelos con idéntico contido, a intención do Concello é resolvelos á maior celeridade, pero tamén dependerá da carga de traballo de todas as demais áreas e departamentos municipais, porque o goberno local non quere deter o seu funcionamento ordinario centrándose só neste asunto.
Entre as principais cuestións que figuran nas alegacións destaca o temor veciñal a que a fusión, que arroxará un novo concello de 6.160 veciños, non permita aguantar a categoría de ter máis de 5.000 empadroados durante moito tempo pola regresión demográfica de ambos territorios.
O executivo de Cotobade asegura que as proxeccións e as tendencias apuntan a que o concello fusionado estará por riba dos 5.000 veciños durante moitos anos, xa que o censo conxunto apenas mingua en 50 persoas ao ano. En todo caso, cren que esta situación regresiva podería cambiar grazas á fusión, xa que o incremento dos ingresos permitiría desenvolver "ambiciosas políticas de asentamento e atracción da poboación a través de incentivos".
Outra das cuestións alegadas refírese á información pública, xa que nalgúns casos considérase que non foi acaída. Ao respecto, o Concello de Cotobade lembra que se celebraron 24 reunións sectoriais e parroquiais e que se remitiron dúas publicacións ás vivendas informando do proceso, ademais de abrir un longo período de información pública para a consulta do expediente.
En calquera caso, o alcalde Jorge Cubela insiste en que a fase informativa e de participación cidadá segue aberta e o Concello vai a seguir aportando documentación, información e datos a todos os veciños durante os vindeiros meses.
Relacionadas:
-
Un estudo de opinión encargado polos concellos conclúe que os veciños de Cotobade e Cerdedo apoian a fusión
Por Redacción |
-
O PSOE de Cotobade pedirá un pleno extraordinario para reclamar unha comisión de control da fusión
Por |
-
Presentan máis de 1.100 alegacións en Cotobade contra a planeada fusión con Cerdedo
Por Redacción |
-
Os afectados apuran as alegacións contra a fusión de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción | Creada e actualizada