Carballedo celebrará un mercadiño ambulante os primeiros venres de cada mes
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cotobade vai crear unha feira mensual en Carballedo que contará con 28 postos de venda e que pretende impulsar a dinamización económica e comercial a través dun formato de mercadiño.
O Concello abriu o prazo de presentación de solicitudes para cubrir o espazo existente o pasado día 19 e manterao aberto ata o xoves, 28 de abril.
Os vendedores ambulantes que estean interesados en facerse con algún dos 28 postos ofertados deberán cursar a súa petición ante o rexistro xeral do Concello de 9.00 a 14.00 horas.
O sistema de elección e reparto dos postos e do espazo decidirase a través dun sorteo público previsto para o vindeiro luns 9 de maio ás 12.00 horas e terá lugar no salón de sesións do consistorio.
As feiras de Carballedo celebraranse os primeiros venres de cada mes ata completar un total de doce mercadiños anuais.
A intención do goberno local é que esta iniciativa arranque canto antes, tan pronto como remate toda a tramitación administrativa e se proceda a culminar todos os pasos legais, a adxudicación dos postos e as correspondentes publicacións para outorgar a máxima seguridade xurídica ao proceso.