O 8 de xullo, primeira cita coa feira mensual de Carballedo
Por Redacción
Un total de vinte postos e comercios ao que se sumará a degustación gastronómica de polbo á feira. É a oferta inicial coa que nace a feira mensual de Carballedo coa que os veciños terán o seu primeiro contacto o próximo venres 8 de xullo.
O goberno municipal pretende, con este mercadiño comercial, impulsar a dinamización económica e social do municipio a través dun formato que está moi consolidado en numerosas vilas e pobos de Galicia, que era demandado polos veciños e que contribúe ao fomento da economía, segundo sinala o alcalde, Jorge Cubela.
O Concello aspira a crear con esta feira unha sinerxía positiva no eido comercial e empresarial tanto da localidade de Carballedo como do resto do municipio.
Para elo, estableceuse que o mercadiño de Cotobade teña unha periodicidade mensual e se celebre sempre os segundos venres de cada mes co obxectivo de facilitar a memorización da data por parte de veciños e visitantes.
Así, tras a primeira edición do 8 de xullo, as seguintes datas do mercadiño serán o 12 de agosto, 9 de setembro, 14 de outubro, 11 de novembro e 9 de decembro.
As feiras de Carballedo contarán con postos de venda de produtos de alimentación, roupa, calzado, materiais do agro e ferramentas, louzas e vaixelas ou pezas de artesanía, entre outros, xa que son os máis demandados polo público. Todos eles foron elixidos nun procedemento aberto e regularizado.