A final galega do Club de Debate, o sábado 30 de abril no Pazo da Cultura
Por Redacción
Un total de 87 rapaces de oito centros de ensino de toda Galicia participarán o próximo sábado 30 de abril, a partir das nove e media da mañá, na final do Club de Debate que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Os oito equipos clasificáronse nas catro fases de zona: o IES Luís Seoane e o IES Nº 1 do Carballiño, que se clasificaron no Club de Debate de Pontevedra e O Carballiño; o IES Leixa de Ferrol e o IES Isidro Parga Pondal de Carballo, por Carballo e Ferrol; o CPR Fogar de Santa Margarida e o Liceo La Paz da Coruña, pola Coruña; e o Grupo 1 do IES Xulián Magariños de Negreira e Os Miudiños do IES de Ames, clasificados por Teo, Rois, Santiago, Ames e Negreira.
Cada un dos equipos participantes está formado por entre catro ou dez rapaces de 3º ou 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou ciclos formativos, sempre menores de 18 anos. Os equipos son mixtos e están coordinados por un preparador que é un docente do centro de ensino.
Todos debaterán a favor e en contra do tema "En galego hai un mundo de cousas boas".
O premio para o equipo gañador será unha viaxe multiaventura dunha fin de semana a Penacova (Portugal), con contidos culturais, para un máximo de 20 persoas.
Por quinto ano consecutivo diversos concellos galegos, a través dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL), organizan este Club de Debate, un programa co que se incentiva o uso do galego oral en contextos formais e informais e o pensamento crítico.