O deterioro das instalacións do Pontillón de Castro a debate no Pleno de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PSdeG-PSOE presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación de Pontevedra, relativa á realización de melloras nas instalacións do encoro do Pontillón de Castro.
Segundo argumentan os socialistas este recinto deportivo construído no ano 2007 na parroquia de Verducido é un "referente en todo o norte do estado", con todo "o paso do tempo e un inadecuado mantemento por parte da Xunta", fixeron que as infraestruturas se fosen deteriorando "dun modo alarmante".
Os socialistas entenden que "permitir a deterioración é tanto como fomentar o malgasto, ademais do risco que pode supoñer a súa utilización de continuar así".
Por este motivo, pedirán ao Pleno que inste á Xunta de Galicia a que elabore un informe técnico do estado destas instalacións do encoro de Pontillón de Castro no seu conxunto e, en base ao mesmo "proceda ao arranxo e adecuado mantemento das infraestruturas deportivas".