A Xunta ultima unha serie de melloras nas instalacións deportivas de Pontillón do Castro
Por Redacción
Ao fío da moción que presentará o PSdeG-PSOE no próximo pleno municipal, instando á Xunta a acometer unha serie de melloras nas instalacións deportivas do Pontillón do Castro, o goberno galego anunciou que está ultimando unha listaxe de necesidades de actuación no complexo.
Os técnicos da Secretaría Xeral para o Deporte consideran que a actuación máis urxente é o reforzo do muro do pantalán, que será executada nas vindeiras datas.
Realizado este investimento, as vindeiras intervencións serán analizadas e avaliadas para a súa futura realización. Basicamente consistirán en actuacións no recinto das oficinas e nos edificios deportivos.
Todas estas actuacións formarán parte dun plan de investimentos nas instalacións do complexo que será presentado en próximas semanas.
En todo caso, a Xunta recorda que nos últimos tres anos destinou ao complexo náutico e ao campo de regatas 310.000 euros, por medio dun convenio de colaboración coa Federación Galega de Piragüismo.
A este investimento, directamente dirixido ao complexo, engaden as achegas deste departamento autonómico, tamén vía convenio de colaboración coa Federación, á modalidade deportiva do piragüismo, e que ascenden a 719.352 euros no mesmo período de 2014 a 2016.