Ponte Caldelas esixirá ao 'banco malo' a demolición do balneario
Por Redacción
A estrutura de formigón do balneario pon en serio risco, segundo un informe técnico, o viario de titularidade municipal que discorre ao seu carón e, ademais, supón un problema de seguridade ante as continuas inundacións polas crecidas do río Verdugo e un perigo para calquera persoa que poida entrar nesta propiedade abandonada.
Por iso, o Concello de Ponte Caldelas esixirá ao SAREB, por vía xudicial, a súa demolición. Esta denuncia que se cursará ante o xulgado correspondente irá acompañada dos informes elaborados pola arquitecta municipal e a Policía Local advertindo dos serios riscos de seguridade que presenta a estrutura e xustificando a súa demolición.
Asemade, os informes técnicos cifran nuns 150.000 euros os gastos que lle podería ocasionar ao 'banco malo', ter que acometer os labores de derrube e desentullo da estrutura existente.
O equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas decidiu emprender a vía legal toda vez que as queixas veciñais e os requirimentos anteriores feitos desde a administración local ao SAREB non tiveron a resposta axeitada e aumenta a perigosidade que supón esta estrutura, moi deteriorada e afectada pola situación de abandono na que se atopa.
O alcalde, Andrés Díaz, agarda que o SAREB cumpra coa súa obriga "o máis axiña posible" e lamentou que haxa que acudir á vía xudicial ao non atender á entidade aos rogos e peticións feitas polos veciños nin aos escritos enviados con anterioridade polo Concello.