Ponte Caldelas multará o "banco malo" se non comeza as obras do Balneario en seis meses
Por Redacción
Ponte Caldelas quere atallar a situación urbanística do Balneario, unha obra emblemática para o municipio e que está paralizada dende 2008 a raíz da crise da empresa promotora "El Bosque Ponte Caldelas S.L.", que, trala súa quebra, deixou a actuacións en mans da Sociedade de Xestión de Activos da Reestruturación Bancaria (SAREB), coñecido popularmente coma o "banco malo".
O alcalde, Andrés Díaz, vén de comunicar á sociedade bancaria que xestiona as case 200.000 propiedades resultantes do estourido da burbulla inmobiliaria, unha orde de execución, pola que lle concede uns prazos de seis meses para retomar as obras e de tres anos para rematalas. De non ser así, o Concello comezará a impoñer multas coercitivas trimestrais por valor máximo de 10.000 euros cada unha ata un máximo dun 75% do custo das obras, excluído o valor do solar.
A resolución, que inclúe o informe da arquitecta municipal que acredita a paralización, xa avanza que o valor do proxecto de execución material presentado en 2008 é de 1.328.557,40 euros e que as obras executadas ata o de agora só alcanzan 192.451,28 euros, polo que o importe final das multas pode ser sustancial.
O goberno local de Ponte Caldelas, integrado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, volve deste xeito a exercer as súas competencias para atallar o abandono de edificacións singulares no municipio. Tal e como fixo este verán co tanatorio de Ponte Caldelas, que leva anos pechado por discrepancias entre os seus propietarios para afrontar as reparacións necesarias no edificio, volve abrir a porta ás multas coercitivas reiteradas cada tres meses aos infractores.
O actual equipo de goberno xa obrigou ao SAREB a realizar obras urxentes de conservación diante do risco de afundimento das beirarrúas públicas, pero agora acomete directamente a situación derivada da paralización da construción do Balneario coa intención de impulsar o seu remate.