Ponte Caldelas inspírase nas termas de Outariz para explotar o antigo balneario
Por Redacción
Un complexo termal ao aire libre, similar ao que existe con éxito en Outariz (Ourense). É o camiño cara o que quere avanzar o Concello de Ponte Caldelas para explotar os terreos do antigo balneario. Esta parcela xa é, desde este venres, de propiedade municipal.
Coa sinatura da escritura diante notario, o Concello adquire os 7.712 metros cadrados da finca Aceña de Abajo, onde estaba situado o antigo balneario. A compra dos terreos, ata agora nas mans da Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (Sareb), ascende a 230.000 euros máis IVE.
O alcalde, Andrés Díaz, subliñou que hoxe deuse o primeiro paso para que Ponte Caldelas "recupere o seu emblema, o seu sinal de identidade, aquilo que nunca debeu perder e que supuxo un forte golpe para a autoestima do pobo".
O Concello recolle así os froitos dunha longa negociación coa Sareb que culmina cun acordo económico vantaxoso, toda vez que o prezo final supón un terzo do primeiro valor polo que os terreos foron postos á venda despois do embargo á sociedade El Bosque.
A escritura dá conta de que nestes terreos sitúanse dous mananciais declarados dende 1888 como augas minero-medicinais e abre á porta ao inicio dun expediente municipal de concesión de obra e explotación da futura instalación termal entre empresas especializadas do sector.
O Concello está redactando un anteproxecto baseado no modelo das termas de Outariz como idea do aproveitamento mínimo que se pretende executar na parte urbanizable da finca adquirida. O procedemento administrativo de concesión incluirá tamén un estudio de viabilidade económico-financeira para guiar ás empresas licitadoras.
O goberno municipal non se pon prazos para a recuperación física do balneario de Ponte Caldelas, xa que Díaz entende que "queda moito traballo por diante e faremos todo o necesario para completalo o antes posible".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas expón a documentación do futuro balneario
Por Redacción |
-
A futura estación termal de Ponte Caldelas terá tres piscinas, dúas delas ao aire libre
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas estima que o seu renovado balneario atraerá a 50.000 persoas cada ano
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas destina 645.000 euros de fondos propios e un préstamo para novos investimentos
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pide á Sareb que repare os danos do temporal no valado do balneario
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas multará o "banco malo" se non comeza as obras do Balneario en seis meses
Por Redacción |