O banco malo, a vender propiedades en Sanxenxo 'a toda costa'
Por Alejandro Espiño
O banco malo puxo os seus ollos no verán. Cre que é unha época idónea para desfacerse de moitas das propiedades que acumula tras a reordenación do sector. Así, a través da campaña Tu casa a toda costa puxo á venda 2.337 vivendas en zonas de praia de toda a xeografía española. E entre elas, tamén hai propiedades en Pontevedra. Concretamente en Sanxenxo.
Preto da praia de Silgar está un deses inmobles. Trátase dunha casa unifamiliar distribuída en 3 plantas e que dispón de 4 habitacións, 2 baños, un aseo, terraza na parte dianteira e un xardín con piscina. Está situada na rúa Luis Vidal Rocha e o seu prezo é de 427.000 euros.
Bastante máis económicas son as vivendas dunha promoción inmobiliaria que tamén vende a Sareb en Sanxenxo. Situada na rúa Ricardo Santos, no ámbito de Miraflores, son apartamentos dun, dous e tres dormitorios e de ata 51 metros cadrados. Véndense a partir dos 78.300 euros.
Nesta campaña, tamén se ofrecen propiedades en Salceda de Caselas. Ademais, tamén as hai en Cedeira, Ribeira e Carral (A Coruña) e en Foz (Lugo).
Sareb puxo en marcha ata o 30 de agosto a páxina web da campaña, na que se poden buscar as vivendas por municipio. Cada rexistro vai acompañado dunha ficha con datos como a superficie, a distribución e algunhas fotografías.
Ademais existe a posibilidade de consultar a súa localización nun mapa e pedir información adicional directamente á plataforma comercial que xestiona o activo.
A campaña pretende aproveitar o aumento de actividade no mercado de segunda residencia nestas datas.