Do colexio... á cociña de Casa Solla
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
"¡Aquí huele mucho a pescado!"
Foi o que notaron os alumnos de Educación Infantil do Colexio Sagrado Corazón nada máis chegar ao restaurante Casa Solla.
E é que unha das primeiras estancias que coñeceron, máis aló do comedor do establecemento, foi o cuarto frío da cociña. Alí onde Pepe Solla e o seu equipo almacenan a mercadoría en fresco que reciben dos seus provedores.
"Justo nos acaban de traer el pescado y esas setas que veis allí", explicaba o cociñeiro pontevedrés aos seus invitados que, a como calquera neno da súa idade, acumulábanselles miles de preguntas a medida que ían coñecendo as instalacións do restaurante.
Tamén os fornos, todos eles de gran tamaño, chamaron a atención dos alumnos do Sagrado Corazón porque "esto no cabe en mi casa", afirmaba máis dun. "En la mía tampoco", respondeu entre risas Pepe Solla.
Pero, sen dúbida, cando o cociñeiro pontevedrés captou a atención da súa nova audiencia foi ao anunciar que lles ía a ensinar a facer as súas propias e deliciosas piruletas de chocolate branco con pistachos.
Coa advertencia de que, se querían facelo en casa, o chocolate só debían quentalo os seus pais, Solla comezou a elaboración de tan suculento agasallo baixo a atenta mirada dos seus curiosos aprendices. Tras darlle forma ao chocolate e as muescas de pistacho coa axuda de dúas láminas de plástico, o frío fixo o resto convertendo todo nunha saborosa piruleta.
Iso si, con elas na man, foi difícil que aguantasen sen comela ata facerse a foto de rigor antes de marchar.
A visita a Casa Solla forma parte dunha actividade na que estes nenos, duns tres anos, estiveron traballando en clase durante este segundo trimestre. Nela, aproximáronse aos alimentos e aos seus diferentes tipos de preparación.
En agradecemento a Pepe e ao seu equipo, o colexio obsequiouno cun pequeno detalle realizado polos nenos, un mandil coas mans dos pequenos.
Escolares do Sagrado Corazón visitan Casa Solla
Alumnos de Educación Infantil do colexio Sagrado Corazón visitaron este xoves o restaurante Casa Solla para coñecer as instalacións do restaurante. A visita forma parte dunha actividade na que estes nenos, duns tres anos, estiveron traballando en clase durante este segundo trimestre. Nela, aproximáronse aos alimentos e aos seus diferentes tipos de preparación
CC BY-NC-SA PontevedraViva