Fusión de Ponte Caldelas con: A Lama, Cotobade ou Soutomaior?
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, propón á Xunta que tome a iniciativa nos procesos de fusión de concellos e elabore un informe técnico de reorganización territorial que sirva de base para poñer en marcha esta iniciativa. Díaz considera que a proposta debe ser debatida no Parlamento galego e afrontada polas distintas formacións políticas como unha decisión de Estado pensando no futuro.
Sobre o caso concreto do Concello de Ponte Caldelas, Andrés Díaz amosouse partidario de estudiar calquera proposta, “dun xeito claro, serio e respaldado por estudios técnicos que nos permitan analizar os pros e os contras. Non sei se a fusión de Ponte Caldelas con A Lama sería o máis lóxico, como se di por aí, ou teríamos que estudiar outra alternativa con Cotobade, por exemplo, ou con Soutomaior. Non o sei, e como non o sei “a priori", así o digo con sinceridade. Hai que facer un estudio, falar moito cos veciños e pensar ben o que se fai. O resto é falar para a feira e xa sabemos que moitos falan dela segundo lle vaia nela, xa sexan intereses políticos, persoais ou de calquera índole. Por eso o mellor é que a Xunta asuma a súa responsabilidade e actúe aprol dos galegos e galegas, sin medo e con toda a seriedade que precisa este tema".
Díaz Sobral afirma que “non se pode deixar unha cuestión tan importante ao libre albedrío, nin á ocurrencia de calquera administración senón que debe estar precedido dun análise serio a través dun informe técnico elaborado por profesionais de solvencia que teña en conta a sustentabilidade da nova unidade administrativa emerxente, o equilibrio orzamentario e, sobre todo, as necesidades dos veciños e veciñas do novo ente nacente o cal deberá crearse despois de facer unha consulta aos cidadáns afectados polo proceso".
“Estamos falando dun tema moi importante, nin máis nin menos que da futura organización territorial de Galicia polo que creo que ten que ser afrontada desde a seriedade, a responsabilidade e o concurso de todas as forzas políticas con representación parlamentaria posto que o que se faga debe ter visos de perdurar no tempo e contar co consenso suficiente para evitar vaivéns que o único que provocan son transtornos e danos irreparables. A Xunta debe actuar con valentía, transparencia e claridade e propor á cidadanía un mapa de fusións que conte co respaldo dos representantes público e, en última instancia, dos cidadáns a través dunha consulta popular nos lugares obxecto de todas e cada unha das fusións", sinalou Andrés Díaz.
Finalmente sinalou que “non parece lóxico que un municipio como o noso, que supera a barreira dos 5.000 habitantes, e co censo que está a experimentar un claro e sostido repunte, quede aillado e rodeado por macroconcellos que aparecen nalgunhas “quinielas" ou propostas que se están facendo, todas elas ao marxe dos veciños e veciñas de Ponte Caldelas, que deberían ser os auténticos protagonistas desta historia".
Relacionadas:
-
O alcalde da Lama non descarta fusionarse con Cerdedo e Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Un informe da Universidade de Santiago xustifica a fusión de Cerdedo e Cotobade
Por Redacción |
-
Quere Ponte Caldelas sumarse á área metropolitana de Vigo?
Por Redacción |
-
Andrés Díaz pídelle ao alcalde de Cotobade que escoite aos alcaldes e aos veciños, en lugar de mandar calar
Por Redacción |
-
Cubela replícalle ao alcalde de Ponte Caldelas que "deixe de buscar protagonismo" a conta do proxecto de fusión
Por Redacción |