Escolares dun colexio de Sanxenxo aprenden como evacuar un autobús en caso de incendio
A Policía Local de Sanxenxo, dentro do Programa Escolar de Educación Viaria, levou a cabo este mércores un simulacro de evacuación dun autobús escolar. Os estudantes partiron nun autobús de 60 prazas cedido por unha empresa local de viaxes, acompañados dos seus profesores e con destino a Sanxenxo.
O obxectivo era poñer en práctica os coñecementos adquiridos nas diferentes xornadas de seguridade viaria tanto por parte dos alumnos como dos profesores. "Queremos que todos os escolares teñan claro como actuar no caso de que se produza algún incidente cando viaxan en transporte público", sinalou a edil de Seguridade Cidadá, Vanessa Rodríguez Búa.
Un total de 58 escolares e catro profesores descubriron como actuar en caso de avaría. Tras partir do colexio Cruceiro, os dous autobuses sufriron o incidente ficticio entre as rúas Ourense e Quinteiros, poñendo a proba o aprendido por alumnos e mestres.
A choiva dificultou o desenvolvemento da actividade, na que tanto escolares como profesores aprenderon que, en caso dun incendio real, deben colocarse no lado contrario ao que sopre o vento.