A Deputación eliminará distincións e símbolos que reflictan a adhesión coa ditadura franquista
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra acordou a eliminación, supresión ou anulación dos acordos distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración da institución provincial coa ditadura franquista.
Este posicionamento xorde despois de que o deputado de Marea, Xosé Lois Jácome, presentase unha moción para o seu debate no Pleno na que pedía a retirada da Medalla da Provincia á Sección Feminina da Falanxe.
Segundo explicou Jácome, esta moción tiña por obxectivo, tanto o cumprimento da Lei de Memoria Histórica como a "retirada de distincións inmerecidas a unha organización antidemocrática e que tivo un papel decisivo na estratexia política da ditadura para a sumisión das mulleres á sociedade".
Unha vez entregada esta moción, o equipo de goberno, presentou a Marea unha proposta de posicionamento da Deputación ofrecendo a retirada da moción, co obxectivo de "simplificar os trámites administrativos" para a retirada non só desta medalla, senón de todo o acordo, distinción e símbolos que "reflictan a adhesión e colaboración da institución provincial coa ditadura franquista".
Marea accedeu a esta iniciativa retirando a súa moción, e pediu que no documento que se redacte con tal motivo sexan engadidas dous dondiciones: a "temporización" do cumprimento dos acordos e "facer pública a lista de distincións e símbolos retirados".
O posicionamento da Deputación ademais de expresar a "condena ao golpe de estado militar de 1936 e a ditadura franquista" asume o compromiso de promover ao longo do ano 2016 un programa de actividades, en colaboración con entidades de memoria e concellos ao redor da memoria histórica e a represión franquista.
Ademais organizará unha homenaxe pública aos cargos da Deputación e aos traballadores da institución que foron vítimas da represión franquista.
Relacionadas:
-
Franco segue a ser presidente perpetuo da Deputación de Pontevedra… pero será por pouco tempo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Critican o Concello de Marín por incumprir a Lei da Memoria Histórica
Por Redacción |
-
O goberno provincial modifica o orzamento para "incrementar os recursos para servicios básicos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Instan á Deputación a retirar a Medalla da Provincia á Sección Feminina da Falange
Por Redacción |
-
Franco, sen honras en Pontevedra: aproban retirarlle a medalla de ouro da cidade
Por Alejandro Espiño |