Instan á Deputación a retirar a Medalla da Provincia á Sección Feminina da Falange
Por Redacción
O deputado provincial de Marea de Vigo-Son, Xosé Luís Jácome, vén de rexistrar na Deputación Provincial de Pontevedra, presenta unha moción relativa á solicitude de retirada da "Medalla de Ouro da Provincia de Pontevedra" concedida á "Sección Femenina de Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista na persoa da súa Delegada Nacional señorita Pilar Primo de Rivera, Condesa de la Mota".
Esta iniciativa que xurde de Marea Pontevedra será debatida no próximo pleno da deputación, e tal como lle trasladou Luís Rei ao deputado de Marea de Vigo, pretende ter un "significado potente de defensa da igualdade e liberdade das mulleres", en tanto en canto se fai a poucos días da celebración do 8 de marzo.
Marea Pontevedra lembra que con motivo da celebración en Pontevedra dun denominado "XXII Consejo Nacional da Sección Femenina" a Deputación Provincial de Pontevedra tomou a decisión de entregar os honores da Medalla da Provincia.
Dita medalla, ademais, foi entregada por parte do presidente da deputación provincial nun acto público de honores celebrado no Salón do Pazo Provincial o 16 de xaneiro de 1964. A corporación provincial de Pontevedra que entregou esta medalla, composta por deputados non electos de forma democrática e suxeitos á obediencia e ás disposicións da ditadura franquista, tomou o "indigno acordo" de conceder esta ”Medalla de Ouro da Provincia de Pontevedra” a unha organización fundamental na estrutura política do réxime ditatorial imposto polo xeneral Franco.
Segundo Marea, recentes investigacións dos historiadores sociais móstranse unánimes sobre o decisivo papel representado por Pilar Primo de Rivera e a Sección Feminina de FET y de las JONS na "exaltación dos valores da Ditadura e do golpe militar de xullo de 1936, no control represivo da cidadanía e, especialmente, na estratexia política e gobernativa de enaltecer e estender valores patriarcais e autoritarios que obrigarían á muller a representar durante décadas roles secundarios e submisos na sociedade".
Esta iniciativa ten como base legal a Lei de Memoria Histórica, en vigor desde xullo de 2006, que establece a legalidade e a obrigatoriedade dos actos administrativos que signifiquen a retirada dos honores, placas ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva do levantamento militar e os valores antidemocráticos e represivos da ditadura franquista.
A moción tamén pide que se faculte aos servizos xurídicos e administrativos desta Deputación Provincial para que poidan emprender as pertinentes accións administrativas para que, no caso de ser aprobada esta moción, se proceda á recuperación física da citada “Medalla de Ouro da Provincia de Pontevedra”.
Relacionadas:
-
Por aclamación, Franco xa non preside a Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Franco segue a ser presidente perpetuo da Deputación de Pontevedra… pero será por pouco tempo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Deputación eliminará distincións e símbolos que reflictan a adhesión coa ditadura franquista
Por Oskar Viéitez |
-
Franco, sen honras en Pontevedra: aproban retirarlle a medalla de ouro da cidade
Por Alejandro Espiño |