Critican o Concello de Marín por incumprir a Lei da Memoria Histórica
Por Redacción
O Colectivo Nacionalista de Marín amosou a súa repulsa á restauración realizada polo concello de Marín nunha fonte da parroquia de Ardán. Aclaran que lles parece ben que se restaure e poña en valor o patrimonio, o que non entenden é que xunto coa restauración desa fonte "tamén se restaurase a simboloxía franquista, o xugo e as frechas, que esta tiña, no canto de retirala".
O Colectivo Nacionalista de Marín cre que esta actuación constitúe "un claro incumprimento da Lei da Memoria Histórica" que obriga a retirar este tipo de simboloxía.
"Manter esta simboloxía no noso concello é un agravio á memoria dos galegos e galegas que sufriron o franquismo por defenderen a liberdade e os dereitos democráticos", afirman dende o Colectivo Nacionalista.
Do mesmo xeito que a fonte de Ardán inclúen na súa denuncia outro tipo de simboloxía fascista como a placa da igrexa vella de Marín.
Neste senso os denunciantes lembran a participación da alcaldesa de Marín e dalgunhas concelleiras da súa equipa de goberno nas actividades da Asociación pola recuperación da memoria histórica de Marín e dín que "se esta participación non a fan cun afán propagandístico e oportunista, deberían no menor tempo posible rectificar esta actuación e eliminar a simboloxía franquista da fonte de Ardán".
"Demandamos que esta actuación se amplíe á totalidade da simboloxía fascista que aínda hoxe temos nas rúas de Marín", conclúen.
Relacionadas:
-
Aqueles tempos cando os pontevedreses eran refuxiados
Por Oskar Viéitez |
-
Vilagarcía fai memoria da represión franquista 80 anos despois
Por Redacción |
-
Emotivo acto en Bueu en recordo a Johán Carballeira, no 79 aniversario do seu fusilamento
Por Redacción |
-
A Deputación eliminará distincións e símbolos que reflictan a adhesión coa ditadura franquista
Por Oskar Viéitez |