Os socialistas queren un Consello Municipal do Deporte
Por Oskar Viéitez
O vindeiro pleno municipal abordará unha proposta do Partido Socialista na que se pide a disolución do Instituto Municipal de Deportes e a creación do Servicio Municipal de Deportes. Chegado a ese punto, de xeito simultáneo queren que proceda á constitución do Consello Municipal do Deporte órgano de participación dos clubes do concello
O voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández pediralle ao Pleno que inste ao alcalde a que dea as instruccións oportunas para iniciar o procedemento.
O Instituto Municipal de Deportes naceu a mediados da última década do século pasado para reemplazar á Fundación Deportiva Municipal, que como sinala Tino Fernández estaba "fracasada no seu intento de dinamizar o panorama deportivo do concello".
Coa creación do IMD buscábase incrementar a axilidade administrativa, achegar o deporte aos cidadáns, e de xeito fundamental, abrir a participación aos clubes da cidade na toma das decisións relativas ao fomento do deporte. Para elo, na composición da Xunta Rectora deuse cabida tanto ás ANPAS como aos propios clubes que designan a tres representantes no citado órgano.
Tino Fernández di que é "indudable" que o IMD foi un elemento dinamizador do deporte local, "pero os tempos avanzan e as cousas cambian", e ao seu xuízo, "a día de hoxe hai unha constatación casi unánime de que o IMD cumpriu un ciclo e o seu percorrido está esgotado".
As razóns que levan ao voceiro socialista a tal conclusión son que cos novos tempos e a "magnitude da práctica deportiva na nosa cidade", xunto co importantísimo numero de eventos de medio e alto nivel que se levan a cabo ao longo do ano, "fai necesario asumir que a estrutura do IMD xa non da para mais", polo que entende que é "imprescindible" atopar unha saída que permita "seguir crecendo e mellorando".
Tino Fernández engade que dende o punto de vista administrativo, o IMD "xa non aporta ningunha vantaxe" de xeito que os expedientes e trámites administrativos incluso vense "ralentizados" por mor da propia configuración como organismo autónomo.
E dende o punto de vista da participación, afirma o voceiro socialista que "o modelo do IMD está claramente superado" trala aprobación da Lei das Grandes Cidades. Por estes motivos cre "necesario" buscar "novas alternativas que realmente favorezan e incrementen a presencia da opinión dos clubes na toma de decisións".
Ademáis asegura o voceiro do PSdeG, que dende o punto de vista operativo, a "limitada plantilla" con que conta o IMD xunto coa imposibilidade de complementala con efectivos do concello e o aumento de instalacións deportivas nos últimos anos, "fai que cada día sexa máis difícil dar cobertura ás necesidades máis básicas", e pon coma exemplo a apertura de instalacións e o mantemento, entre outras. "Só a profesionalidade e a implicación dos traballadores fai posible que se siga a prestar un servizo de calidade".
Advirte Tino Fernández que a recente prohibición de utilizar persoal de colaboración procedente do INEM "vai a supoñer un aumento das dificultades de difícil resolución". "Corremos o risco de non poder manter os horarios actuais en todas as instalacións co que eso pode significar para moitos clubes da cidade", apunta.
Tino Fernández que foi o responsable de deportes no anterior mandato recorda que naquela etapa xa se deron os primeiros pequenos pasos para proceder á disolución do IMD e a creación dun Servicio Municipal de Deportes adscrito á Administracion Xeral do Concello, complementado cun Consello Municipal de Deportes como órgano de participación de todos os clubes e Asociacións deportivas da cidade.
Esta idea plasmouse tamén no programa electoral do Partido Socialista nas pasadas eleccións municipais "e agora ante a situación que se nos plantexa de cara ao futuro moi inmediato, entendemos que debemos axilizar os trámites para solventar os problemas e permitir que o deporte de Pontevedra conte coas ferramentas administrativas e de participación que necesita para seguir crecendo", conclúe Tino Fernández.