Cidadáns propón crear un Observatorio Municipal do Deporte
Por Redacción
O grupo municipal de Cidadáns (C's) en Pontevedra anunciou que levará ao próximo Pleno da corporación unha moción propoñendo a creación dun Observatorio Municipal do Deporte que se enmarque no futuro Servizo Municipal de Deportes unha vez que se produza a disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD).
Coa desaparición do IMD, xurdirá, en opinón do responsable de Deportes de Cidadáns, Luismi Lamas, "unha problemática relacionada coa escasa participación, pluralidade e poder de decisión" por parte da oposición e os actores do deporte pontevedrés. Ante esta nova situación, propón crear o Observatorio Municipal.
Nese observatorio que propón Cidadáns, os diferentes axentes sociais poderán propoñer, achegar e levar a debate temas que afecten o ámbito deportivo da cidade. O obxectivo é que sexa un espazo de participación e debate entre os axentes do ámbito deportivo da cidade, un "órgano consultivo e de participación sectorial", así como un instrumento para a potenciación do deporte e a actividade física no municipio.
A actividade do órgano que propón Luismi Lamas centraríase no estudo da evolución da práctica deportiva, a análise dos espazos e equipamentos deportivos do concello, a observación do impacto do deporte na cidade, tanto social como económico, o contacto coa rede asociativa do municipio e o fomento da competición deportiva e do deporte en ámbitos como a saúde.
Para a agrupación municipal, o futuro Servizo Municipal de Deportes contará con desvantaxes como a falta dun orzamento independente; estará totalmente controlado pola Xunta de Goberno, que será a que tome as decisións e xestione; non contempla canles de participación na xestión das entidades urbanas; non potencia o asociacionismo nin a participación cidadá; e estará moi burocratizado. De aí, a importancia de crear un órgano que ofreza unha solución consensuada a todas estas cuestións.
Relacionadas:
-
O IMD entra na súa recta final
Por Alejandro Espiño |
-
O IMD ten data de caducidade: disolverase a principios de 2017
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas queren un Consello Municipal do Deporte
Por Oskar Viéitez |
-
Ten o Instituto Municipal de Deportes os días contados?
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |