Alfonso Rueda quere presidir o PP de Pontevedra: "É unha decisión meditada e responsable"
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Xa hai candidato para suceder a Rafael Louzán á fronte do PP de Pontevedra. Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e secretario xeral dos populares galegos, presentará a súa candidatura ao próximo congreso extraordinario que o partido celebrará na capital da provincia o próximo 13 de marzo.
Nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra, Rueda sinalou que se trata dunha decisión "meditada e responsable", ao entender que é nesta nova responsabilidade onde "máis útil" lle pode ser ao partido nun momento que, recoñeceu, é "complicado" para os populares pola xestión da crise, os casos de corrupción e o "lóxico desgaste" de tantos anos no goberno.
Para Rueda, este é un "reto importante" que asegura asumir coa "máxima ilusión" e con ganas de facelo "o mellor posible". Para iso, espera contar co apoio dos seus compañeiros do Partido Popular en Pontevedra e poder manterse como unha formación "forte e unida", para seguir presentándose ante os electores como un "partido de goberno" e, ademais de manter ao seu electorado fiel "atraer a xente que nunca nos votou antes".
A partir de agora, avanzou, comeza un mes "intenso" ata o congreso extraordinario, de fronte ao que comezará nas próximas horas a reunir as firmas e os avais necesarios para presentar a súa candidatura. Para iso manterá contactos con todos os alcaldes e portavoces locais do PP na provincia. Quere "explicarlles persoalmente" as razóns polas que decidiu postularse para presidir o partido en Pontevedra e "pedirlles o seu apoio".
Rueda explicou que, antes de dar este paso, para el era "fundamental" trasladar a súa decisión a Rafael Louzán, do que espera estar "á altura do listón que deixou tras unha ampla historia de éxitos"; e a Alberto Núñez Feijóo, ao que lle comentou que a súa "vocación" era presidir o PP na súa provincia. "Estou feliz", destacou, de que o presidente do PPdeG coincidise con el na "utilidade" para o partido que ocupe esa nova responsabilidade.
Non falou, pola contra, con Mariano Rajoy co que espera "ter a ocasión" de comunicarlle esta decisión nas próximas horas porque "debe ser o que me faltou nada máis".
Aínda que Alfonso Rueda non descartou que se poidan presentar máis candidaturas ao congreso extraordinario de Pontevedra, o secretario xeral do PPdG avanzou que traballará cunha "vocación de unidade" e avanzou que formará un equipo de persoas novas "que están traballando con moita forza" e con xente con "moita experiencia".
Un deles pode ser José Manuel Cores Tourís, presente na rolda de prensa, do que Rueda sinalou que "se el quixera estar no meu equipo, eu estaría encantado" porque considera que é unha persoa "con moito recoñecemento na provincia e con moita valía".
Se recibe o apoio dos seus compañeiros na provincia, Rueda compaxinará a secretaria xeral do PPdeG e a presidencia dos populares pontevedreses ata o congreso autonómico que se celebrará na primavera. A partir de aí abandonará a primeira destas responsabilidades para centrarse na vicepresidencia da Xunta e en dirixir o partido na provincia, un cargo este último que lle esixiría unha "especial dedicación".
En todo caso, Alfonso Rueda non considera que esta decisión sexa un "paso atrás" nas súas aspiracións políticas porque "en ningún caso" pensou en substituír a Alberto Núñez Feijóo se este decide non presentarse á reelección como presidente da Xunta. O mellor sucesor para el, dixo, "é o propio Núñez Feijóo", polo que non considera a "hipotese" de que non opte a un terceiro mandato.
Relacionadas:
-
Rueda 'ficha' a Nidia Arévalo como vicepresidenta do PP de Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Rajoy presidirá o 13 de marzo o congreso provincial do PP en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda cre que o PP debe ser "inflexible" ante os casos de corrupción
Por Redacción |
-
Rueda, único candidato a presidir "la época más difícil del PP de Pontevedra"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Valoran coma "una muy buena decisión para Pontevedra" que Alfonso Rueda queira presidir o PP provincial
Por Redacción |
-
Cores Tourís non descarta ser presidente provincial do Partido Popular
Por Anxo Lourido |
-
Louzán non optará á reelección como presidente do PP de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |