Louzán non optará á reelección como presidente do PP de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
"Non me presentarei por quinta vez como candidato á presidencia do partido en Pontevedra". Con esta frase confirmaba Rafael Louzán o que era un segredo a voces nas últimas horas. Despois de 16 anos á fronte do Partido Popular na provincia, decidiu dar un paso atrás e anunciou que non optará á reelección no Congreso Extraordinario que o PP celebrará na cidade de Pontevedra o próximo 13 de marzo.
Rafael Louzán, que compareceu en rolda de prensa acompañado da secretaria xeral do PP de Pontevedra, Rocío de Sinde, explicou que con esta decisión "remata un ciclo de actividade política", un período no que se sentiu "moi arroupado" polos seus compañeiros de partido e por todo o "extraordinario" equipo xunto ao que, sinalou, os populares alcanzaron os "mellores resultados" da historia para esta formación política.
"Todo ciclo ten unha duración e este remata aquí", reiterou un Louzán que comezou a súa intervención pedindo "desculpas" polos "erros" cometidos durante estas case dúas décadas de traxectoria política e por se tomou algunha decisión que non fose compartida polos seus compañeiros, porque foron adoptadas sempre, sinalou, "defendendo os intereses dos cidadáns e do partido".
Ademais, agradeceu todos os ensinos que, ao longo de todo este tempo, recibiu dos dirixentes do seu partido, entre os que citou expresamente a Manuel Fraga, Xesús Palmou, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy. Estes dous últimos, dixo, sabían da súa renuncia para seguir á fronte do partido, algo "moi valorado pola miña parte", xa que apuntou que viña meditándoo desde que renunciou en setembro á súa acta de deputado provincial.
En todo caso, Louzán reiterou que nesta decisión "nunca" pesou as súas recentes imputacións xudiciais, procesos que "se aclararán", dixo, no seu momento.
Sexa como sexa, o presidente do PP pontevedrés fai un balance "extraordinariamente positivo" deste ciclo político, xunto a un equipo cuxa "labor encomiable" cobra aínda máis valor, subliñou, ante o novo goberno da Deputación, no que aprecia "parálise" e onde mentres antes había "capacidade de traballo e entrega" agora só hai, apuntou, "palabras vacías e demagoxia".
Así, debido a estes "pactos antinatura" que se deron, segundo Louzán, en moitos concellos galegos e que "non responden ao que lle pediron os cidadáns", o dirixente do PP augurou que nun tempo "relativamente curto" poderíanse presentar novas mocións de censura na provincia de Pontevedra. "Niso estamos traballando, avanzou sen dar máis detalles sobre estas presuntas negociacións.
NOVO CONGRESO
O presidente do PP pontevedrés insistíu en que é o "momento oportuno" para este relevo e que, a partir de agora, ábrese un novo ciclo no que "novas persoas" faranse cargo da xestión do partido na provincia. Haberá un prazo de doce días -ata o próximo 10 de febreiro- para a presentación de candidaturas a este Congreso Extraordinario.
"Sei que haberá persoas que se presenten", avanzou Louzán, que espera un congreso "aberto, transparente e que sume todas as inquietudes" do partido e no que se manteña o "espírito de unión" que caracterizou a súa etapa á fronte do PP provincial.
Para esta responsabilidade, Rafael Louzán sinalou que o partido conta con activos "con xuventude, experiencia e ganas" que están "máis que capacitados" para presidir o PP de Pontevedra e que teñen "ilusión" por levar as rendas do partido a pesar da "adversidade" que xera o actual clima político no cal, dixo, "creo firmemente que o PP é quen ten máis próxima a realidade dos veciños e ten máis sentido común".
"Independentemente dos erros que teñamos cometido, hai que camiñar cara adiante", concluíu Rafael Louzán, que se despediu tamén dos seus compañeiros de partido durante a Xunta Directiva provincial que, presidida por Alberto Núñez Feijóo, o Partido Popular celebrou esta mesma tarde en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Louzán presenta a súa dimisión como concelleiro de Ribadumia
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda quere presidir o PP de Pontevedra: "É unha decisión meditada e responsable"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Cores Tourís non descarta ser presidente provincial do Partido Popular
Por Anxo Lourido |
-
Anunciará Louzán hoxe a súa retirada?
Por Oskar Viéitez |