Hórreos, galpóns, cortellos ou palleiras, tamén tributan na "contribución"
Por Redacción
As tradicionais construcións galegas como hórreos, galpóns, ou palleiras, ademais doutras como invernadoiros, granxas porcinas, avícolas ou cortellos, están no punto de mira do "catastrazo". Advírteno desde o sindicato Unións Agrarias ante as subidas contributivas que se aveciñan, e que xa están a chegar a veciños do rural.
A causa responde á revisión de valores feita polo Goberno central en 2013 mediante Decreto Lei e que incrementa o Imposto de Bens Inmobles, tanto en ámbito urbano como rústico. Ata agora na provincia viñan recadando preto de 170 millóns de euros en concepto de IBI, dos cales algo máis de 2 millóns corresponden á "contribución". Esta última cifra, segundo o sindicato, verase multiplicada no rural por dez, unha vez que se aplique a regularización.
De feito, xa se realizou en doce municipios da provincia; dezaoito están nestes trámites; e faltan por tanto 32, entre os que se atopa Pontevedra capital. Desde a central sindical Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural, apelou aos Concellos porque, salvo que fosen "rescatados" ou se lles aplicase un plan de estabilidade, teñen capacidade de reducir a cota de liquidación e tamén de facilitar bonificacións.
José Antonio Diéguez, presidente da Asociación Ventonoso ejemplificaba: "un cortello valorado en 100.000 euros e que ata agora non pagaba IBI, pode pasar a ter que pagar entre 300 e 900 euros ao ano". A isto habería que sumar as reclamacións dos catro últimos anos (a partir de 2017) e mesmo por reformas anteriores a 2013.
Unións Agrarias está a realizar charlas informativas polos concellos galegos; solicitou reunión coa Federación Galega de Municipios e instan os particulares a que se fixen nas revisións catastrais que reciban porque "hai moitos erros ao catalogar instalacións de uso agrario como almacéns de uso urbano".
Relacionadas:
-
82 veciños alegaron contra o "catastrazo" rural tras pasar pola oficina de atención do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Abre a oficina para asesorar os veciños do rural contra o "catastrazo"
Por Redacción |
-
O Concello axudará os cidadáns a alegar contra o "catastrazo" dos galpóns
Por Alejandro Espiño |