Acepta dous anos de prisión por ordenar o seu pitbull que atacara un hombre e agredilo despois
Por Alejandro Espiño
Azuzar un can potencialmente perigoso contra alguén pode ter consecuencias penais. Así quedou demostrado este martes na Audiencia de Pontevedra. Sentaba no banco dos acusados Cándido R.R., un veciño do Porriño que ordenou ao seu pitbull que atacase a un home que lle recriminaba levar ao can sen boceira nin correa.
Inicialmente a Fiscalía pedía para el cinco anos de prisión porque, ademais do ataque do can, o acusado comezou a agredir á vítima dándolle puñadas na cabeza e golpeándolle co seu paraugas. Pero tras chegar a un acordo, Cándido R.R. aceptou unha pena de dous anos de prisión por un delito de lesións.
Antes de decidir se entrará ou non en prisión, o acusado estará baixo liberdade vixiada durante tres anos, tempo no que terá que recibir un tratamento ambulatorio por enfermidade.
Isto é debido a que, segundo aceptou a Fiscalía, no momento dos feitos -o 20 de decembro de 2012- o dono do can sufría un "trastorno ansio-depresivo" e tiña "minguadas" as súas facultades de entendemento.
Será tras recibir ese tratamento e ver a súa evolución cando o xuíz decida se debe entrar ou non en prisión.
Cándido R.R., que recoñeceu a súa culpabilidade no xuízo, confirmou que paseaba pola rúa Tarela (O Porriño) co seu can raza pitbull sen correa nin boceira, de tal maneira que, segundo a acusación, "podía atacar a calquera persoa ou causar calquera dano". Ao chegar ao seu portal discutiu cun mozo de 19 anos e ordenou ao animal que o atacase, respondendo este a morder a pernera do pantalón da vítima.
Ademais, as puñadas e paraugazos que o acusado deu á vítima causáronlle a rotura de dúas pezas dentais e danos noutras dúas.
Por esta cuestión, a vítima solicitaba 6.500 euros como indemnización polos gastos do tratamento médico reparador e as secuelas causadas. Neste punto non houbo acordo, xa que a defensa alegou que o acusado tería que pagar dúas veces pola mesma cuestión, ao entender que ao asumir o pago do tratamento recibido xa se resarcen as secuelas causadas. Serán os xuíces os que decidan.