Alianza entre a Deputación e o norte de Portugal para optar aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño
Crear sinerxias para xestionar "mellor" os recursos europeos e crear unha posición "firme" fronte a Europa e os seus respectivos gobernos. É o obxectivo da alianza que se estableceu entre a Deputación de Pontevedra e varios municipios do norte de Portugal para presentar diversos proxectos á convocatoria aberta pola UE para optar aos fondos europeos que se repartirán entre os estados membros para o período 2014-2020.
Así o avanzou este venres a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que presentou en rolda de prensa as primeiras "apostas estratéxicas" que concorrerán a esta convocatoria e que aspiran a conseguir uns 15 millóns de euros para a súa posta en marcha.
Esa liña de colaboración con Portugal é un dos tres eixos sobre os que pivotan os proxectos que se presentarán. Carmela Silva explicou que, ademais, búscase que os fondos teñan un "retorno real" e que os obxectivos estean "claros" -fronte ao anterior goberno, do que dixo que se limitaban a "cazar fondos sen máis"- e farase copartícipes aos concellos, para que "non sexa a Deputación a que impoña ou decida os proxectos" como ata agora.
Os proxectos que a presidenta provincial avanzou este venres enmárcanse dentro das áreas de "políticas que xeren emprego e impulsen a economía produtiva como modelo" para facilitar o crecemento económico da provincia de Pontevedra. Así, afirmou que se primará o impulso á competitividade das empresas, o I+D+i, as novas tecnoloxías, a sustentabilidade ambiental ou a xestión de recursos naturais, entre outros.
Xunto co proxecto Hydrothermas para a posta en marcha dunha rede de vilas termais en Pontevedra e o norte de Portugal -que deu xa os seus primeiros pasos-, en materia turística a Deputación pretende impulsar a posta en valor e a recuperación patrimonial do Camiño Portugués. Será mediante a creación dunha rede de municipios, todos os que atravesa este camiño, e que buscará, entre outras cuestións, ofertar novos produtos turísticos.
Outra das grandes iniciativas busca favorecer a competitividade da industria metalúrxica de Pontevedra e está especialmente orientada ás pequenas e medianas empresas. Entre os obxectivos deste proxecto, participado por asociacións empresariais, atópase atraer investidores e buscar alianzas, apostar pola innovación, crear unha plataforma web para a comercialización conxunta e para ofertar traballo ou organizar foros, encontros ou misións inversas.
En materia económica, o último proxecto presentado está relacionado coa recollida de residuos eléctricos e electrónicos. Mediante a ampliación dos puntos limpos repartidos pola provincia pontevedresa, preténdese avanzar na protección ambiental e na mellora dos sistemas municipais de recollida de lixo, dándolle unha apropiada reciclaxe a estes produtos relacionados coas novas tecnoloxías.
Ademais, ligados ao impulso do emprego e da formación dos traballadores, Carmela Silva avanzou que a Deputación pretende reforzar a súa presenza no programa Erasmus+ para o ano 2016 e, xunto co INCYDE -organismo dependente das cámaras de comercio españolas- están a desenvolverse dous programas para apoiar o emprendimiento de menores de 30 anos (ata 2018) e de todo tipo de persoas e colectivos (ata 2023).
Relacionadas:
-
O Camiño Portugués será potenciado para que en tres anos aumente un 25% o número de peregrinos
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis proxecta actuar no paseo do río Gallo e a 'Horta do Cura' co proxecto Hydrothermas
Por Redacción |
-
Un "food lab market" para dinamizar a praza de abastos
Por Marisa Ciordia |
-
Tomeza, Salcedo e Lourizán fan as súas suxestións para optar aos fondos europeos
Por Redacción |
-
O goberno local optará aos fondos europeos coa intención de acelerar proxectos en marcha
Por Redacción |
-
Pontevedra volverá a optar a fondos europeos, con críticas do PP ao proxecto do goberno local
Por Redacción |