O PSdeG leva ao Parlamento deficiencias no colexio de Tenorio
Por Redacción
O grupo do PSdeG-PSOE leva ao Parlamento de Galicia a situación do colexio público de Tenorio, en Cotobade, do que recollen que ten necesidades de arranxos. Fano despois de que a deputada Patricia Vilán visitase o centro acompañada polas concelleiras Lina Garrido, Regina Sobral e Geli Torres.
Presentaron ante a Mesa do Parlamento unha pregunta para a súa resposta por escrito na que manifestan que neste colexio as tubaxes son moi antigas (dos anos 70), a calefacción é máis que precaria, a maioría das fiestras son da inauguración do colexio (o que, unido á precariedade do sistema de calefacción, fai que faga moito frío) e hai un muro de peche que está a caer dende hai case un ano sobre o que xogan os alumnos de infantil, cos problemas de seguridade que se poden orixinar cando se fala de nenos de entre 3 e 12 anos.
A concelleira Lina Garrido faise eco da "preocupación dos pais e nais, e en xeral de toda a colectividade educativa" en relación co peche perimetral na zona da estrada N-541 e considera urxente e prioritario que se solvente o problema "coa máxima celeridade posible", debido á "perigosidade que reviste na actualidade".
Na súa opinión, a chegada das choivas pode facer que haxa un corremento de terras e caia parte do muro, de tal maneira que, aínda que a zona está vallada e os mestres extreman as precaucións, pode producirse unha situación de risco.
Lina Garrido solicita ao alcalde, Jorge Cubela, que faga as xestións oportunas e solucione un problema que leva máis de oito meses sen arranxar a pesares da súa perigosidade. Na súa pregunta no Parlamento, os socialistas queren saber se a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ten pensado atender as necesidades de arranxos e dotacións do centro e cal sería o orzamento.