Do choro á alegría en apenas unhas horas: Así foi o domingo da familia Pardo Touceda
Por Redacción
Hai chamadas que un nunca querería recibir e outras que nunca se esperaría que chegasen a producirse. A familia Pardo Touceda de Pontevedra recibiu unha de cada tipo na xornada deste domingo. A primeira era portadora das máis tráxicas noticias, chegaba dun portavoz do Goberno de España infomando ao pai de Alberto Pardo Touceda de que o seu fillo falecera nos atentados do venres en París. A segunda realizouna o propio Alberto horas despois para confirmar o despropósito da primeira, estaba vivo, e na noite do venres nin sequera estaba na capital francesa.
Entre unha e outra chamada pasaron varias horas de angustia, un domingo que nunca esquecerá unha familia que puido comprobar que fácil se pasa da tranquilidade dunha mañá de domingo a un pesadelo e, de novo, á alegría desbordada.
A madriña: "No estaba en la discoteca, ni siquiera estaba en París"
Os pais de Alberto están separados e, segundo indicaron fontes da familia, oficialmente o Goberno tan só chamou ao pai, pero a nai rapidamente recibiu as dramática noticias. Ela non o podía crer, pois o seu fillo vive en Francia desde hai tres anos, pero non en París, senón que desde hai un ano ten a residencia fixada en Estrasburgo, pero a información viña dunha fonte oficial e enseguida empezou a ver como os medios de comunicación de todo o país daba por morto a un mozo cuxa identidade coincidía coa do seu fillo. A última hora da mañá xa pasara a prensa polo seu domicilio da rúa José Millán e xa familiares e amigos estaban a darlle o pésame.
"Estamos en shock" dicía entón a familia, que tan só falaba a través do interfono ou por teléfono. Máis tarde o tío de Alberto, José Manuel, saíu á rúa e confirmou aos medios que o seu sobriño estaba morto. Unha muller que respondeu ao interfono mantíñao minutos despois e aseguraba que estaban a organizar xa como sería a repatriación do cadáver.
Ninguén se podía crer aínda a noticia, pero ninguén a poñía aparentemente en dúbida. Menos a súa nai. "Me quedé totalmente en shock porque no me esperaba semejante noticia, pero luego yo no terminaba de ubicar ni de encajar la noticia. Estuve llamando llamando a mi hijo a su móvil", relataba horas despois, xa máis tranquila. E é que non entendía como o seu fillo podía estar en París e dubidaba: "No cotejaron tampoco mi ADN con el suyo".
O tío José Manuel: "De dónde nace todo esto no lo sabemos"
Xusto cando as dúbidas xa se trasladaron a outros membros da familia, chegou a noticia que tanto desexaban, pero xa non confiaban en recibir. De súpeto, á primeira hora da tarde, actualizouse o perfil de Facebook de Alberto. "Bufff que presión tener que desmentir su propia muerte, he pensado en alguna broma que marcara el momento para siempre, pero creo que quitaros la sensación de mierda lo antes posible era prioritario. Pero he dejado pasar una gran oportunidad para hacer una buena broma", publicaba.
A súa curmá Lucía leuno estupefacta e púxose en contacto con el para dicirlle que chamara a casa. Tamén a noticia chegara ao resto da familia xa e pouco despois lograron falar con el. "Mi hijo no se creía lo que yo le estaba contando. Yo le dije: 'Ponte en Internet porque estás en todas las noticias". E Alberto xa se decatou de todo o balbordo que se montou. Mesmo seguiu publicando en Facebook, primeiro para dicir "Pues no se... yo me veo a mí mismo en estos momentos y diría que estoy vivo... pero si seguís escribiendo cosas tan bonitas sobre mi tal vez tenga que morirme para no dejaros mal..." e logo para actualizar a súa foto de perfil cunha recente, a da súa "resurrección".
A madriña do mozo, de 33 anos, saíu á rúa para dar a noticia á prensa e confirmar que "no estaba en la discoteca", en alusión á sala de concertos Bataclan, que "ni siquiera estaba allí" en París, senón na súa casa de Estrasburgo. Durante a mañá e as primeiras horas da tarde "no nos cogía el teléfono", nin el nin a súa moza, unha moza francesa á que coñeceu cando, terminada a carreira, e sen atopar traballo, tomou a mesma decisión que miles de mozos españois, ir a buscar traballo ao estranxeiro, no seu caso, a Francia.
A nai: "A mí nadie me llamó para pedir no sé si disculpas o lo que sea"
O seu tío José Manuel saía emocionado minutos despois. "Está vivo", repetía rúa abaixo, incluso acompañando a afirmación cunha palmada, pero sen pararse nin un segundo porque ía comunicar a noticia á avoa de Alberto. Regresaría pouco despois, xa máis falador, para comentar "una noticia triste y feliz a la vez", pois xa puideran comprobar que o mozo "está perfectamente" e el falara "con su madre y con su padre".
A través do interfono, pois non se atopaba con forzas para saír á rúa, Pilar Touceda, a nai de Alberto, resumía moi gráficamente o día que pasara: "Me parece que estoy viviendo una novela de terror".. Xa facía máis dunha hora que falara co seu fillo, pero aínda non recibira ningunha chamada do Goberno para desmentir o qu parece que foi un erro de identificación.
Ao parecer, ao mozo roubáronlle a documentación en 2012 en Burdeos e o venres o seu DNI apareceu na sala de concertos tras o atentado. De aí aparentemente xurdiu todo, pero "de dónde nace todo esto no lo sabemos", dixo o seu tío. A súa nai botaba de menos na tarde-noite deste domingo unha nova chamada: "A mí nadie me llamó para pedir no sé si disculpas o lo que sea".
Relacionadas:
-
Piden máis medios e armas para a Policía Portuaria de Marín tras os atentados de París
Por Redacción |
-
A Marsellesa con saxofón e... Vive la France!
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
AUDIO.- A nai de Alberto Pardo confirma a chamada do Goberno: "No sé qué tipo de error se cometió"
Por Redacción |
-
A familia do pontevedrés dado por morto polo Goberno en París confirma que está vivo
Por Redacción | Creada e actualizada