A Marsellesa con saxofón e... Vive la France!
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Pontevedra solidarizouse coas vítimas dos ataques terroristas sucedidos en París a través de tres actos nas súas principais institucións durante este luns 16.
Cun berro de Vive le France! pronunciado por Antonio Coello, subdelegado do Goberno, concluía o minuto de silencio organizado no edificio situado fronte á alameda. Coello manifestou que o acto consistía en mostrar o rexeitamento cara á barbarie sucedida nun país amigo, no corazón de Europa. O subdelegado apuntou a solidariedade coas familias, as vítimas e amigos, ademais de aproveitar para mandar unha mensaxe de solidariedade aos españois que viven en Francia e aos que van de turismo ao país veciño.
O representante do Goberno en Pontevedra referiuse ao incidente do domingo en que se daba por morto durante o atentado ao pontevedrés Alberto Pardo Touceda. Coello indicou que el mesmo se puxo en contacto coa familia cando saltou a noticia da morte para poñerse á súa disposición e comunicar que o goberno español atopábase ao seu lado. O representante político indicou que máis tarde volveu conectar coa familia para manifestar a súa profunda alegría porque Alberto puidese seguir con vida. Indicou que todo se debeu a un erro a través da aparición do DNI de Alberto Pardo na sala de concertos, extraviado en 2012.
"É o que sei polas noticias que me deron e pola prensa. Imaxínome que estarán a investigar as autoridades francesas", apuntou o subdelegado, quen engadiu que Pontevedra atópase no nivel 4 de seguridade do mesmo xeito que toda España. Lembrou que se reforzará a seguridade nas pontes internacionais con Portugal en Tui.
Por outra banda, á mesma hora na Deputación Provincial, un saxofón soaba ante as portas do edificio tocando A Marsellesa mentres as diferentes forzas políticas e os funcionarios gardaban un minuto de silencio. A presidenta, Carmela Silva, sinalou que querían con este acto facer unha chamada para reclamar aos dirixentes políticos para loitar contra estes terribles asasinatos. Estamos indignados, queremos un mundo en paz, afirmou, onde os dereitos humanos sexan a alfombra pola que se poida camiñar.
A máxima dirixente provincial considera que, nesta ocasión, resulta máis positivo que, en lugar de realizar un acto conxunto entre todas as institucións, que se organicen diversas convocatorias para que todas as administracións do Estado mostren a súa repulsa contra os ataques terroristas.
Media hora máis tarde, ás 12.30 horas, os políticos do Concello de Pontevedra, coa ausencia do alcalde que se atopaba en Santiago de Compostela, tamén se concentraban para gardar un minuto de silencio para solidarizarse, segundo a concelleira Carme da Silva, coas vítimas de París, do Líbano e de todos aqueles puntos nos que se están producindo barbaridades por culpa da guerra.
Relacionadas:
-
Piden máis medios e armas para a Policía Portuaria de Marín tras os atentados de París
Por Redacción |
-
Do choro á alegría en apenas unhas horas: Así foi o domingo da familia Pardo Touceda
Por Redacción |
-
A familia do pontevedrés dado por morto polo Goberno en París confirma que está vivo
Por Redacción | Creada e actualizada