Pilar de Lara autoriza a Aduanas a investigar a actividade económica e fiscal de Lores
Por Redacción
Vixilancia Aduaneira investigará a actividade económica e fiscal do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O trámite autorizouno Pilar de Lara, titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, en relación ás investigacións que realiza sobre os contratos obtidos por Aquagest na cidade. Así se recolle nun auto xudicial, con data do 10 de novembro, ao que tivo acceso a axencia Europa Press.
Ademais, autoriza este mesmo seguimento fiscal para o portavoz do goberno, Raimundo González; ou para o que fora concelleiro do Rural co PSdeG-PSOE, José Manuel Valcárcel. Tamén serán investigados varios funcionarios municipais e un cargo intermedio da empresa Aquagest, entre outros.
A pesar de que Vixilancia Aduaneira solicitou que todos eles foran chamados a declarar nos xulgados lucenses, por agora Pilar de Lara só permitiu continuar as investigacións. Desta decisión despréndese a petición de documentación que os axentes realizaron este mércores no Concello de Pontevedra, reclamando os contratos e facturas de Aquagest desde 2009 e outros expedientes relacionados coa empresa Viuda de Cándido SL.
No auto, a xuíza lembra que das investigacións realizadas por Vixilancia Aduaneira dedúcese, polo menos de forma indiciaria, que diferentes responsables da empresa "realizaría presuntamente subornos nas súas distintas modalidades (supostas entregas de diñeiro, agasallos, contratación de traballadores) coa finalidade de captar autoridades políticas e funcionarios en distintos organismos públicos e, así, conseguir nun futuro adxudicacións"
Así, no caso de Pontevedra cita o informe do SVA que, detalla intervencións telefónicas nas que, supostamente, quedaría demostrada a existencia de "relacións entre a empresa Aquagest e algunhas autoridades e funcionarios do Concello de Pontevedra, dirixidas, presuntamente, a beneficiar os intereses da empresa no concello". Con todo, Pilar de Lara matiza que haberá que continuar investigando cales serían eses intereses.
Ademais, os investigadores falan de varios contactos, como unha invitación a Raimundo González en marzo de 2012 a un partido de baloncesto e unha comida; ou outro ágape a Miguel Anxo Fernández Lores, o 14 de maio do mesmo ano, ambos os dous acompañados de dirixentes de Aquagest. Tamén se menciona unha reunión co alcalde o 6 de setembro no concello e outros dous co edil de Facenda.
Tamén aseguran localizar os axentes de Aduanas diferentes agasallos por parte de Aquagest a varios funcionarios e ao ex concelleiro socialista José Manuel Valcárcel que, segundo recolle o auto xudicial, incluirían desde viaxes a unha ruta gastronómica por León, País Vasco e Barcelona onde "cada factura non baixou dos 3.000 euros". Sospéitase ademais do pago dunha guía para o entroido e entradas para diferentes partidos de fútbol.
REQUIRIMENTOS REALIZADOS
Por todo iso, ademais dos expedientes relativos aos contratos e facturas con Aquagest que obren en poder do Concello de Pontevedra; a xuíza Pilar de Lara insta a que Aduanas investigue todas as achegas de calquera tipo -patrocinios, doazóns ou outras- realizadas por esta empresa, a que aclaren quen recibiu agasallos dalgún tipo ou mesmo se se realizaron xestións para a contratación na devandita empresa de xente próxima aos investigados.
Ademais, observando que esta trama utilizaría supostamente "empresas en aparencia alleas a Aquagest para amañar concursos públicos", a xuíza tamén insta a varias compañías de Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo a que certifiquen os servizos prestados en relación aos feitos investigados, presenten as facturas emitidas e, no seu caso, detallen os traballos realizados ou o nome das persoas ás que, supostamente, beneficiarían.
Relacionadas:
-
Legísima lamenta o "dano mediático" da investigación sobre Aquagest: "No Concello ningúen esconde nada"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
"Que investiguen todo o que queiran. Non van atopar nada delictivo no meu comportamento"
Por Alejandro Espiño |
-
Tranquilidade no goberno municipal ante o rexistro ordenado pola xuíza Pilar de Lara
Por Alejandro Espiño |
-
Axentes de Aduanas entran no Concello de Pontevedra para reclamar documentación de Aquagest
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño & Cristina Saiz | Creada e actualizada