Confesa que quedou con 24.000 euros cos que debía pagar a fianza dun preso para sair da cadea
Por Natalia Puga
Juan Carlos Ferro Monteagudo confesou este martes na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra que no ano 2009 quedou cos 24.000 euros cos que debía pagar a fianza e o avogado dun preso para saír do cárcere e con 37.000 euros que lle entregaron para que mediase na compra dunhas motoras fose borda.
Por estes feitos, e coa súa conformidade, foi condenado como autor dun delito continuado de apropiación indebida a unha pena de seis meses de prisión e o pago dunha multa de 450 euros (tres meses a razón dunha cota diaria de cinco euros).
Tanto a súa defensa como o fiscal do caso mostráronse de acordo con que se suspenda o cumprimento da pena, de modo que a maxistrada da Sección Cuarta xa anunciou que non será necesario que a cumpra. De todos os xeitos, o home xa está actualmente en prisión por outra causa, de modo que seguirá cumprindo esoutra condena. A Audiencia de Ourense impúxolle dez anos de cárcere polo secuestro dun ourensán no ano 2007 e polos delitos de roubo con violencia e uso de instrumento perigoso, lesións con emprego de instrumento perigoso e ameazas condicionais.
Os feitos polos que debía ser xulgado este martes, e dos que se recoñeceu culpable, ocorreron no ano 2009, de modo que o fiscal chegou a un acordo de conformidade con el e aplicoulle a circunstancia atenuante de dilacións indebidas. Ademais, tívose en conta que no momento dese delito non tiña antecedentes penais computables nesta causa.
O home recoñeceu que mantiña unha relación comercial cunha empresa de Palma de Mallorca como intermediario na compra-venda de motores para embarcacións. En abril de 2009 imputaron o marido da súa xefa e ingresárono en prisión preventiva no centro penal da Lama, de modo que a muller envioulle 9.000 euros para que os destinase a sufragar os gastos derivados dos honorarios de letrado e os 14.000 que lle esixían como fianza para saír en liberdade. El quedou co diñeiro.
Pouco despois, en maio dese ano, a súa xefa volveu facerlle unha transferencia de 37.000 euros para que mediase na compra dunhas motoras fóra borda, pero volveu quedar co diñeiro sen destinalo ao fin acordado. quedou tamén co contido dun paquete que a muller lle enviou para que entregase ao seu marido na Lama e que obtiña efectos persoais valorados en 175 euros.