Xulgan un home por quedar cos cartos que lle confiaban para pagar a fianza dun recluso para saír do cárcere
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para este martes un xuízo por un delito continuado de apropiación indebida. O fiscal pide unha pena de dous anos e medio de prisión para o acusado e que indemnice á vítima na cantidade de 61.379 euros.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xúlgase un home por quedar presuntamente cos cartos que unha muller lle fixo entrega para distintos fins, un deles pagar os honorarios do letrado e a fianza imposta ao seu marido, que estaba no cárcere da Lama.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado, Juan Carlos F. M. aproveitouse da confianza que tiña coa responsable dunha empresa coa que mantiña unha relación comercial, para quedar co diñeiro que esta lle enviaba desde Mallorca para realizar as xestións necesarias para sacar ao seu marido da prisión da Lama onde estaba interno.
En concreto, o Ministerio Público acúsalle de quedar con 37.000 euros para a compra dun motor, outros 9.000 euros destinados a pagar os honorarios dun avogado e outros 14.000 da fianza que impuxera o xulgado de Cambados ao marido desta muller para poder quedar en liberdade á espera de xuízo.