Propoñen un profundo redeseño nos accesos á cidade infantil Príncipe Felipe
Por Redacción
A mellora dos accesos á cidade infantil Príncipe Felipe non só será coa nova glorieta que xestionará as entradas e saídas ao recinto, reordenando o tráfico na zona. A Deputación de Pontevedra está a deseñar a renovación total da imaxe da entrada ao centro coa instalación dun dobre control de acceso, a creación dun área de estacionamento temporal e unha nova praza que fará de antesala ao edificio principal e que terá prioridade peonil.
Así mesmo, se substituirá o actual enreixado de barrotes que rodea a instalación por unha pantalla-muro de vexetación co obxectivo de eliminar o efecto 'cárcere' e crear un ambiente máis adecuado para os menores.
Segundo indicou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, o proxecto foi deseñado polo asesor provincial en materia de mobilidade, Jesús Fole, e sigue un criterio de máxima calidade urbana en todos os seus aspectos.
En canto ao tráfico rodado, o diámetro da nova rotonda acadará os 32 metros máximo no seu punto máis exterior, similar en dimensións á existente no cruzamento entre Manuel del Palacio, Rosalía de Castro e Fernández Ladreda. A glorieta contará con beirarrúas de 3,5 metros de ancho e dará prioridade aos tránsitos peonís, creando pasos sobreelevados que estarán perfectamente iluminados con varios puntos de luz en todo o percorrido.
Na parte contraria á entrada de Príncipe Felipe crearase un pequeno miradoiro con dous bancos corridos que permitirán aos cidadáns sentarse mirando cara ao val da zona, aproveitando as excelentes vistas.
O elemento central da glorieta será un gran báculo de luz que permitirá unha iluminación cenital de toda a área. Este elemento estará rodeado dunha zona axardinada, pero aínda está por decidir se haberá un montículo central ou a rotonda será plana, xa que hai que ter en conta a súa instalación nunha zona de semipendente.
DOBLE CONTROL DE ACCESO
A parte máis vistosa da reforma da zona será a do novo acceso aos edificios. O actual enreixado que rodea as instalacións será substituído por un muro vexetal de arborescentes que crearán unha pantalla verde en toda a fachada principal. Outra das novidades é que se anulará a entrada que da acceso directo ao colexio de Educación Primaria e a zona de estacionamento que alí había, creando no seu lugar unha grande zona verde.
O novo control de acceso dende o que se vixiarán todas as entradas e saídas aos edificios da cidade infantil suporá unha nova imaxe para a institución. Estará formado por unha estrutura de formigón cun cubo central de cristal escuro onde se situará o persoal de seguridade. Haberá un novo rótulo indicativo do nome do centro infantil, así como unha nova sinalización dos edificios interiores para que os visitantes se sitúen dentro do complexo.
Unha vez pasado o primeiro control, na parte dereita haberá unha zona de estacionamento temporal para os coches de visitas ou similares. Pola parte esquerda haberá unha vía que chegará ao CEIP.
Todos aqueles que queiran seguir cara as demais instalacións do interior da cidade infantil deberán pasar un segundo acceso de paso prioritario peonil. Só se permitirá o paso aos vehículos de servizos, posto que inmediatamente despois haberá unha grande praza que se concibe como un espazo libre de vehículos que serve de antesala ao edificio principal. Nesa zona eliminaranse tamén as escaleiras que conectan coa área deportiva, que se serán substituídas por unha rampla.
Relacionadas:
-
Un muro de vexetación substituirá o enreixado de barrotes da Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A nova rotonda de acceso a Príncipe Felipe custará 550.000 euros e será licitada este ano
Por Redacción |
-
A escola infantil da Deputación abre o novo curso anunciando que aumentará unha aula
Por Redacción |
-
"Total sintonía" entre Concello e Deputación para reformar o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |