A nova rotonda de acceso a Príncipe Felipe custará 550.000 euros e será licitada este ano
Por Redacción
O acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe é, desde hai anos, un dos puntos negros da rede viaria municipal. Por iso, dentro do proxecto de mellora da mobilidade no ámbito de Montecelo, a Deputación porá a súa parte. O goberno provincial destinará 550.000 euros para a construción dunha glorieta que ordene as entradas e saída ao complexo e resolva os problemas de seguridade viaria que se rexistran na zona.
O cruce de entrada a estas instalacións, ás que acceden numerosos autobuses, coches e persoas a pé (en total entre 1.500 e 2.000 usuarios cada día), está situado nunha curva, polo que se producen constantes incidentes e colisións. Ademais dos problemas para os vehículos, os peóns teñen serios riscos ao transitar polo contorno, xa que unha das marxes da calzada non ten beirarrúas e sempre está ateigado de coches aparcados.
A actuación que levará a cabo a Deputación prevé solucionar estes problemas. A glorieta permitirá unha mellor e máis fácil incorporación e saída dos vehículos que van ao centro, ademais de servir como medida de calmado do tráfico na zona, evitando altas velocidades na vía de subida a Montecelo dende a estrada a Ponte Caldelas. Así mesmo, construiranse amplas beirarrúas na parte exterior que permitirán un mellor tránsito peonil.
A rotonda terá un diámetro de 40 metros e para a súa instalación será preciso utilizar parte dos terreos da cidade infantil. De feito, o punto central estará no lugar que agora ocupa a caseta de control de acceso aos diferentes edificios.
A execución dos traballos comezará tan pronto sexa posible, sinalan desde o goberno provincial. Xa está elaborado un anteproxecto da obra e nos vindeiros días iniciarase a redacción do proxecto definitivo. A intención do deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, é que nos últimos vindeiros meses se resolva a contratación e a construción da glorieta poida estar adxudicada a unha empresa antes de que remate o ano.
Polo de pronto, estase a xestionar a partida orzamentaria para facer fronte ao gasto, que será de 550.000 euros, obtidos grazas a unha modificación de crédito que se aprobará no Pleno provincial deste mes. A mesa de contratación estudará despois as ofertas recibidas que, de seguro, presentarán melloras económicas e de proxecto con respecto ás bases da licitación.
Relacionadas:
-
A Deputación adxudica a EC Casas a obra da glorieta e a mellora do acceso a Príncipe Felipe
Por Gabriela Varela Asorey |
-
Un muro de vexetación substituirá o enreixado de barrotes da Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Propoñen un profundo redeseño nos accesos á cidade infantil Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
"Total sintonía" entre Concello e Deputación para reformar o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Príncipe Felipe terá 210 nenos en acollida
Por Redacción |