Os pais dos bebés nacidos no CHOP xa poden inscribilos no Rexistro Civil desde o hospital
Por Redacción
Adeus ás colas e aos incómodos desprazamentos. Desde esta madrugada, os pontevedreses cuxos fillos nazan no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) poderán inscribir aos recén nacidos no rexistro civil desde o propio centro sanitario.
Son, en total, 24 hospitais de todo o país -un por cada comunidade, Melilla e seis en Madrid- os que teñen xa dispoñible este novo sistema de comunicación dos nacementos aos registros civís. E en Galicia, o primeiro en probalo será o hospital pontevedrés.
Esta medida será completamente gratuita e voluntaria para os proxenitores. Os pais dispoñerán de 72 horas desde o nacemento do bebé para realizar a comunicación directamente desde o hospital, aforrándose así os desprazamentos e as esperas nos distintos rexistros civís.
O persoal sanitario pasará a ter agora a responsabilidade de identificar ao recén nacido e comprobar a súa filiación materna. Ademais, nos hospitais tomaranse as pegadas plantares do bebé e as dactilares da nai.
A realización destas probas terá que constar na inscrición e acompañará ao formulario oficial que se remitirá de forma electrónica e irá asinado polos pais e incluirá o nome do neno e a súa nacionalidade. O facultativo que asista ao parto incorporará o parte do nacemento acompañado de firma electrónica.
Os pais recibirán o certificado literal de nacemento por correo ordinario ou electrónico, e poderán imprimilo e engadilo ao Libro de Familia se xa dispoñen del.
O sistema de inscricións de nacementos que viña funcionando ata agora nos registros civís non desaparece, polo que tamén permanecerá operativo o procedemento tradicional.
Tras esta etapa inicial posta en marcha polo Ministerio de Xustiza, o procedemento irase implantando progresivamente no resto do territorio nacional