"Preocupación" de 'Salvemos a Fracha' polo "precipitado" proceso de expropiacións da autovía A-57
Por Redacción
A plataforma veciñal 'Salvemos a Fracha' considera que o proceso de expropiacións dos terreos afectados polo primeiro tramo da autovía A-57, que foi adxudicado á empresa San José, se está a realizar dun xeito "desordenado" e mesmo "caótico". Na súa opinión, "crea confusión e sementa dúbidas" entre os veciños afectados.
O colectivo amosa a súa "preocupación" por esta situación e a "indignación" polo "precipitado" do proceso, pois aínda está pendente de resolver a petición de medidas cautelares realizada polo colectivo ante a Audiencia Nacional. Os afectados presentaron un recurso contencioso-administrativo polas presuntas irregularidades detectadas na tramitación do primeiro tramo da autovía e, como medida preventiva, solicitou a paralización cautelar das obras ata que se resolva o procedemento. Mentres o órgano xudicial non se pronuncie sobre esta medida solicitada, a plataforma considera "un atrevemento" que o Ministerio de Fomento esté a impulsar o proceso de construcción da autovía e se estean a dar pasos no proceso expropiatorio.
'Salvemos a Fracha' critica, ademais, que algúns afectados están a recibir citacións para acudir á Delegación de Estradas do Estado e outros aínda non e que algúns veciños recibiron un ingreso nas súas contas correntes polo concepto de expropiacións, pero sen ter ningunha explicación oficial sobre o proceso ou o concepto polo que lles transferiron eses cartos.
Integrantes da plataforma veciñal indican que se puxeron en contacto coa empresa que está a realizar as expropiacións para informarse sobre o procedemento e a única resposta que recibiron foi que a empresa non ten previsto recoller ningunha alegación durante a firma das actas de ocupación.
Nos últimos días o colectivo creado para opoñerse á construcción da autovía A-57 tamén descubriu "con estupefacción" outro detalle que lle confirma o "escurantismo" que rodea todo o proxecto, no que son "cómplices" o Ministerio de Fomento e o Concello de Pontevedra. Trátase dunha publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do 30 de setembro na que se fala da futura A-57, autovía paralela á autoestrada AP-9, como "autovía del Atlántico".
Relacionadas:
-
En Marea defenderá no Congreso e o Parlamento que os fondos da A-57 se destinen a liberalizar a AP-9
Por Redacción |
-
Fomento non esperará polo fallo da Audiencia Nacional e reitera que a A-57 "se podrá iniciar este mes de octubre"
Por Diego Espiño |
-
Os afectados pola A-57 están preocupados ante o inminente inicio das obras
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Pastor anuncia "en la primera quincena de octubre se va a iniciar la obra de la circunvalación"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
O BOE oficializa a adxudicación das obras da autovía A-57 a San José
Por Redacción |