Concello de Portas e UNED asinan un convenio para abrir unha Aula de Extensión Universitaria
Por Redacción
O alcalde de Portas, Víctor Estévez Casal e a directora da Universidade Nacional de Educación a Distancia da sede de Pontevedra, Beatriz Rodríguez López asinaron un convenio de colaboración entre ambas as institucións para poñer en funcionamento a aula de Extensión Universitaria.
Dita aula comezará a súa actividade académica nos próximos días e nela impartiranse cursos de temáticas moi variadas, atendendo así, ás necesidades dos veciños de Portas e municipios limítrofes.
Probablemente o seu arranque será con cursos de idiomas, posto que é unha das peticións máis solicitadas polos veciños.
O nutrido grupo de alumnos de Portas e de todas as localidades próximas poderán gozar dunha mellora nos servizos formativos.
Nun futuro, espera abarcar un amplo número de actividades académicas, dando resposta ás demandas de formación.