Marea non irá á inauguración da avenida Josefina Arruti polo "desprezo" de Ana Pastor aos pontevedreses
Por Redacción
Os dous concelleiros de Marea Pontevedra non acudirán á inauguración do desdobramento da Avenida de Vigo, denominada avenida de Josefina Arruti, prevista para este luns.
Para eles, "non é de recibo" que a ministra de Fomento siga sen dar resposta á solicitude dunha xuntanza realizada polos veciños de Pintos afectados pola construción da autovía A-57, unha petición formalizada hai meses.
Marea Pontevedra entende que esta actitude de Ana Pastor "é un claro exemplo de desprezo polos pontevedreses", toda vez que, segundo sinalan nun comunicado, a ministra de Fomento "estivo xa en numerosas ocasións na cidade e nunca quixo recibir a estes veciños".
"A loita veciñal contou co apoio de máis de 20.000 sinaturas", sinalan desde esta formación política, "20.000 voces contra unha obra sen sentido que ameaza con fracturar un monte tan emblemático coma o da Fracha, con obras que moverán 6 millóns de metros cúbicos de terra, crearán desniveis de 60 metros de altura e constituirán un atentado ambiental sen precedentes".
Para Marea Pontevedra tamén é "incomprensible" que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, siga ser recibir aos veciños afectados e "anuncie un plan aínda sen concretar para o espazo forestal ameazado", que está a recibir a denominación de parque forestal da Fracha. Deste, os seus edís solicitan saber "que se esconde realmente detrás dun proxecto anunciado pero absolutamente descoñecido por todos".
Relacionadas:
-
Os afectados pola A-57 están preocupados ante o inminente inicio das obras
Por Oskar Viéitez |
-
Unha avenida para "unha muller valente, unha nai coraxe"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Ana Pastor e Miguel Anxo Fernández Lores, un encontro cargado de temas pendentes
Por Alejandro Espiño |
-
A inauguración do desdobramento da avenida de Vigo será unha homenaxe a Josefina Arruti
Por Redacción |