Ana Pastor e Miguel Anxo Fernández Lores, un encontro cargado de temas pendentes
Por Alejandro Espiño
A visita de Ana Pastor a Pontevedra o vindeiro luns non será só de cortesía. Ademais da inauguración prevista da avenida Josefina Arruti, obra executada polo Concello de Pontevedra, e financiada polo Ministerio de Fomento, manterá un encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. E este levará unha axenda bastante completa a esa entrevista, segundo adiantou nas últimas horas.
A reunión, que se celebrará ás dez da mañá nas dependencias municipais de Michelena 30, servirá para que Fernández Lores se interese polo estado de proxectos anunciados pola propia Ana Pastor, pero tamén por actuacións longamente demandadas polo goberno municipal ao longo dos últimos anos.
Así, o alcalde pedirá á titular de Fomento que o departamento gobernamental reactive a reforma da estrada N-541 -a que une Pontevedra con Ourense- desde a rotonda de acceso a Montecelo ata Ponte Bora; ou coñecer en que estado de tramitación se atopa a reforma do Nó de Bombeiros e a nova conexión coa AP-9 ou o paseo marítimo que a ministra anunciou en campaña electoral entre Pontevedra e Marín pola PO-11.
Ademais doutras cuestións que non quixo concretar, Miguel Anxo Fernández Lores interesarase polas obras da A-57, tanto do tramo que xa foi adxudicado entre Vilaboa e A Ermida, que executará a construtora San José; como do tramo entre A Ermida e Pilarteiros e a proxectada continuación da autovía ata a súa ligazón con Curro e a autovía do Salnés.
De todo iso, ambos informarán os medios tras a inauguración do desdobramento da avenida de Vigo.
Relacionadas:
-
Fomento urbanizará 24 quilómetros da estrada de Ourense
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Pastor anuncia "en la primera quincena de octubre se va a iniciar la obra de la circunvalación"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Marea non irá á inauguración da avenida Josefina Arruti polo "desprezo" de Ana Pastor aos pontevedreses
Por Redacción |
-
A inauguración do desdobramento da avenida de Vigo será unha homenaxe a Josefina Arruti
Por Redacción |
-
Lores solicita formalmente unha entrevista coa ministra de Fomento, Ana Pastor
Por Redacción |
-
Costas inicia os trámites para avanzar no paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín
Por Redacción |