Conceden a medalla da Seguridade Viaria ao Policía Local de Pontevedra, Ángel Ruibal
Por Redacción
Ángel Ruibal é un axente que ingresou na Policía Local de Pontevedra hai tres décadas e desde entón sempre se interesou pola formación en seguridade viaria. Desta forma converteuse en educador extraescolar pola UNED e iniciou na cidade as clases de educación viaria polos colexios do municipio durante varios anos. É, ademais, profesor colaborador da Academia Galega de Seguridade pública, na que se forman os policías e mandos das Policías Locais de Galicia.
Na actualidade, ademais de prestar servizo novamente como Policía Local de Pontevedra, coa categoría de Inspector Principal, ocupa o cargo de presidente da Asociación de Xefes e Mandos de Policía Local de Galicia e é membro do Consello directivo nacional da Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local.
Agora ve recoñecida todo este traballo a través do Premio Fesvial, a Fundación española para a Seguridade Viaria. Segundo se indica no documento que notifica a medalla que se lle concede tívose en conta a súa comprometida traxectoria profesional coa seguridade viaria, que puxo de manifesto no seu servizo nas policías locais de Pontevedra, Cambados e Ferrol, e de maneira especial nesta última localidade, co desenvolvemento do Plan Municipal de Seguridade Viaria.
O acto de entrega da medalla celebrarase en Madrid o próximo 1 de outubro, dentro das II Xornadas de boas prácticas municipais en Seguridade Viaria, onde tamén recibe unha distinción un policía local de Sanxenxo, Abelardo Martínez, por esta mesma actividade de promoción da educación viaria, a través da figura do "Poli Paco".